Contundencia no discurso e na mobilización. O BNG aproveitou o Día da Patria de 2012 para reafirmar publicamente a liña política emanada da última Asemblea Nacional, coa mensaxe central de “Rescata os teus dereitos”. A organización frontista expuxo a súa alternativa, nidiamente de esquerdas e soberanista, para abordar as numerosas frontes abertas, que se multiplican día tras día: o fraudulento rescate da banca española, os inclementes recortes, a reforma laboral, a liberalización dos horarios comerciais, a ofensiva contra o galego, ou o timo das preferentes, sen esquecer as inminentes eleccións, previsiblemente marcadas polo pucheirazo eleitoral que xa prepara o PP, cunha reforma unilateral á súa medida. E a resposta da militancia e base social nacionalista foi masiva, cunha participación notábel que permitiu encher a Quintana ao final da manifestación do 25 do xullo.

Non obstante, os actos non se cinguiron a este día, senón que comezaran no día anterior, con especial protagonismo para as mocidades do BNG. Galiza Nova organizou a súa Homenaxe a Rosalía e Castelao, coa intervención de deportistas, actores, cantantes e xornalistas. O evento non só tivo como eixo a lembranza dos contributos de tan emblemáticas figuras da nosa historia, e a denuncia do seu interesado ocultamento e deturpación, senón que puxo voz ás demandas dunha mocidade particularmente oprimida pola miseria da crise do neoliberalismo. Ademais, Isca! organizou por primeiro ano unha mobilización propia, un pasarrúas, que contou coa participación de máis dun cento de mozas e mozos, que percorreron a zona vella visibilizando a alternativa independentista e comunista. O percorrido rematou na Alameda, ao pé da estatua de Rosalía de Castro, onde se apelou á constancia na autoorganización xuvenil en todos os ámbitos fronte ao capitalismo e a dependencia.

Ademais, ao longo do 24 e o 25 celebrouse unha nova edición do Festigal, un evento consolidado como punto de convivio e reencontro, e como reivindicación da vitalidade e diversidade da cultura galega, cunha intensa programación que inclúe debates, proxeccións, presentacións de libros, concertos, mostras de artesanía ou xogs e obradorios para nenas e nenos. Un dos espazos preferidos polos asistentes é a Galería de Asociacións, na que o MGS e Isca! instalou dous postos para dar a coñecer os nosos posicionamentos, distribuindo unha nova edición das nosas publicacións – Arredista! e o Máis Alá!-, fieis á sua cita, xunto con diverso material axitativo.

O momento central do Día da Patria, a manifestación convocada no mediodía do 25, culminou con éxito un intenso esforzo mobilizador nas semanas precedentes. Nun contexto marcado polo recente abandono da fronte de dous sectores políticos, o BNG mantivo a súa capacidade de convocatoria nesta data e aglutinou a milleiros de persoas que fixeron o tradicional percorrido desde a Alameda ata a Quintana. O MGS impulsou tamén, como colectivo integrado no BNG, a convocatoria, e ademais organizou unha comitiva propia, en conxunto con Isca!, que demostrou a nosa progresiva consolidación organizativa.

Ao longo da manifestación, as consignas evidenciaron a reafirmación da fronte na vixencia do seu discurso soberanista, combativo, de esquerdas e anti-imperialista, como confirmaron explicitamente as intervencións do Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, e do candidato á Presidencia da Xunta Francisco Jorquera. Ficou claro que é tempo de valentía e compromiso, que non cabe xa a ilusión de ilusorias alternativas intermedias, que non hai máis remedio que optar pola sobernaía nacional e os intereses das maiorías populares ou os da oligarquía que sustenta a Unión Europea, o goberno de Madrid e a súa sucursal de Compostela, e que ten PP e PSOE ao seu servizo.

No acto final interviron tamén diversos representantes de sectores e ámbitos directamente afectados pola crise, desde unha mestra que padeceu directamente sucesivos recortes do seu poder adquisitivo ata unha traballadora afectada por unha ERE, unha estudante preocupada polas perspectivas inmediatas, un pequeno comerciante que observa como se goberna para as grandes empresas, ou un afectado pola estafa das preferentes.

Entre outras novas positivas, constatouse a plena normalización acada pola mensaxe independentista nesta cita, nun camiño iniciado xa hai uns anos, que supera innecesarios tabúes xa do pasado. Ademais, ao longo de dous días intensos tivemos a oportunidade de entrar en contacto directo con centos de militantes e simpatizantes do BNG, aos que transmitimos a importancia de reforzar a mobilización social e fortalecer o nacionalismo desde a súa consideración como un movemento de liberación nacional desde a esquerda, conxurando as eivas do pasado e reforzando o perfil mobilizador e antisistémico do soberanismo.

A seguir podes ver un vídeo que recolle diversos momentos e protagonistas da manifestación:

>Vídeo do pasarrúas de Isca!

>Vídeo da nosa participación na manifestación

>Galería de imaxes na web de Isca!