O Consello Nacional do BNG aceptou umha emenda para incorporar ao documento base a eliminación definitiva do sistema de delegados para participar nas asembleas nacionais. Esta emenda foi presentada polo MGS e aprobada en sete asembleas comarcais ao igual que outras dúas, no mesmo sentido, que foron presentadas e aprobadas por compañeiros/as das asembleas do BNG do Condado e Compostela.

Unha transacción das tres emendas deixa o texto da seguinte maneira:

“Modificarase o artigo 3 dos actuais estatutos do BNG, reintroducindo o dereito á participación directa de toda a afiliación nas asembleas nacionais, de acordo coas normas establecidas en canto a cotas, prazos de alta e inscrición previa para a participación no proceso asembleario. Esta decisión só poderá ser modificada no futuro se é aprobada por unha maioría cualificada de 2/3 dos membros do BNG.”

De aprobarse definitivamente, na Asemblea Nacional da vindeira semana, devolverase a soberanía ao conxunto da afiliación do BNG e rematarase definitivamente cunha das medidas mais polémicas e que mais dano fixo no corpo social do nacionalismo tanto pola prática militante que impuxo, como polo que simbolicamente representou nun momento no que se camiñaba cara un BNG mais institucional e menos participativo.

Mentres en torno a esta Asemblea Nacional só se está a falar de nomes e de apelidos para “gañala”, como se se tratara dunha competición deportiva, desde o MGS pensamos que a aprobación desta emenda demostra, na práctica, como se deben facer as cousas e como non se queremos solucionar os problemas que ten o BNG para que siga sendo unha ferramenta útil e de futuro.