O desemprego afecta xa na Comunidade Autónoma de Galiza a 277.644 persoas, cun aumento do 0,3º% respecto ao mes anterior, ao engadirse 849 desempregados, segundo os dados oficiais do Ministerio de Emprego. O dato máis rechamante é que por primeira vez nos últimos tres lustros dase un aumento do desemprego no mes de abril, tradicionalmente creador de postos de traballo debido á actividade económica ligada ao período festivo. A última vez que subira o desemprego en abril, en 1996, nin sequera existía o Instituto Galego de Estatística que elaborara series estatísticas comparábeis. Nunha comparación interanual ponse de manifesto a dimensión da destrución de emprego, xa que están rexistrados 32.982 desempregados máis que en abril do ano pasado, nun aumento dun 13,48%.

O desemprego sube en todos os sectores profesionais, se ben salientan a industria (337) e a construción (333), seguidos das incorporacións de traballadores sen emprego anterior (71), os servizos (62), a agricultura e a pesca (46), segundo os datos precisados pola Consellaría de Traballo. O desemprego descendeu lixeiramente no suroeste de Galiza, mais debido fundamentalmente a contratacións eventuais no sector servizos, ligadas ao fenómeno turístico.

O novo aumento do desemprego pon de manifesto que a Reforma Laboral está a cumprir os seus obxetivos, aumentando a precarización da clase traballadora, alargando o desemprego e e explotación. Abaratar o despedimento e facilitar a temporalidade só anima a despedir máis e a contratar en precario, e recurtar salvaxamente o investimento público só prolonga a recesión, como era esperábel. Resulta significativo que máis de 9 de cada 10 contratos asinados en abril fosen temporais e que os indefinidos chegaran a reducirse máis dun 16% respecto ao ano pasado.

Non queda outra alternativa que organizarse e mobilizarse para expulsar definitivamente aos representantes dun réxime que nos leva directamente á ruína, e dos que só podemos agardar máis desemprego e miseria nos vindeiros meses e anos. O goberno de Madrid evade públicamente as súas propias responsabilidades e continúa a escudarse no certamente lamentable balanzo do PSOE, que impuxera políticas fiscais e laborais semellantes e co que acordou a reforma da Constitución que petrifica o límite de déficit. Mentres, o executivo galego asiste de espectador á superación dos seus propios récords de desemprego, cunhas cifras que aumentan indefectibelmente, mesmo cando o paro descende no Estado.

Lonxe quedan xa os días nos que Núñez Feijóo prometera resolver a crise en 45 días. Tres anos despois, nin sequera presentou un plan para combater o desemprego, ocupado como estivo en promocionarse na prensa madrileña, desmantelar as caixas de aforros, reducir o espazo do galego, fomentar a especulación urbanística no litoral ou privatizar os proxectos de hospitais, as medidas que salientan dentro dunha lexislatura xa no seu ocaso.