No Movemento Galego ao Socialismo, denunciabamos hai un tempo que o goberno do PP na Xunta pasara dun tempo a esta parte “da demolición á hibernación”: o seu goberno comezara cos ataques e desmontaxes de todas as medidas positivas que o nacionalismo impulsara desde o goberno (Galescolas, atención aos maiores, por exemplo) ou os tímidos avanzos na normalización da nosa lingua (Decreto 124/2007 que estipulaba a impartición de ao menos o 50% das materias no noso idioma). Así hoxe o goberno galego dedícase na maior parte dos casos a trasladar e defender de forma automática (cando non a adiantar) os cortes sociais que implementa o goberno estatal do seu partido na maior ofensiva do capital en décadas, deixando morrer os nosos sectores produtivos (con especial impacto no sector naval), atacando a sanidade e educación públicas, defendendo a reforma laboral, etc.

Esta situación trasládase igualmente aos ataques ao galego, sinal básico de identidade da nación galega. Unha vez desmontados os pequenos avanzos que se deran, nestes tres anos de goberno de destrución do país o seu proxecto de acelerar a substitución lingüística pasa por manteren o estatus legal e social de lingua minorizada: un estatus legal claramente discriminatorio que converte o galego en sub-oficial, e uns poderes económicos que sempre desprezaron o noso idioma. Dentro deste esquema, nun momento en que o número de falantes do galego segue a descer e ameaza con converter a nosa lingua non só en minorizada senón por vez primeira en mil anos en lingua tamén minoritaria no conxunto da poboación, volveron reforzar todos os prexuízos asociados a diglosia (“pailanismo” ou “radicalidade nacionalista”) co obxectivo de a manter subordinada,  para evitar un uso pleno en todos os ámbitos de aqueles que a falan, para romper a transmisión xeracional do idioma e para bloquear o retorno á lingua galega de aqueles sectores favorábeis a ela mais que foron españolizados polo sistema educativo, os medios de comunicación ou o entorno social.

Frente a isto, o movemento normalizador do que facemos parte ten que actuar en varios frentes. Contra o mantemento dun marco xurídico-político que leva a nosa lingua á extinción, temos que reclamar medidas inmediatas que podan paliar esta situción, exixindo a igualdade real na legalidade, mais sabendo tamén que a garantía de futuro para o noso idioma só pode pasar por dispormos de soberanía, que nos permitirá implementar sen interferencias as medidas precisas para o idioma. Temos que reclamar que toda a potencia dos sectores públicos (medios de comunicación, educación, subvencións e axudas, concesionarias, etc) se poña ao servizo do uso e a visibilidade do galego, o que no ensino pasa pola defensa da inmersión como o método pedagóxico mais adecuado e de eficacia demostrada para a capacitación en galego e o seu uso habitual. Frente ao novo e vello discurso ideolóxico dos exterminadores do españolismo e os seus sectores sociais apoiantes, temos que denunciar a perversión de termos como “liberdade” ou “escolla” e o seu carácter profundamente reaccionario, clasista e mesmo racista que se agocha baixo eles. Temos que defender pois o monolingüismo social nun país onde os individuos poden ser plurilingües, mais co galego como opción inicial e preferente en todos os ámbitos.

Mais temos que avanzar tamén na situación actual coas ferramentas disponíbeis: o uso do galego en todas aquelas organizacións das que participemos en todos os ámbitos sociais ten que ser prioritario, xa que na Galiza a xustiza social e mesmo a defensa do ecolingüismo van ligadas a este uso: no sindicalismo, no asociacionismo veciñal e de defensa do ambiente, nas organizacións de estudantes, no feminismo ou nas novas formas de protesto social, o galego é un requisito para uns movementos inseridos na realidade do seu país e alonxados de sucursalismos.

O galego é pois bo termómetro do nivel de conciencia, organización e vitalidade da supervivencia do noso futuro como nación. A tarefa pois é grande, mais ninguén dixo que liberar un país fose fácil. Debemosllo a aqueles, as clases populares, que mantiveron a lingua galega frente ao poder estatal durate séculos. O futuro de Galiza escribirase en galego, ou non teremos futuro!

Loitemos pola nosa lingua!

17 DE MAIO ÁS 12H DESDE A ALAMEDA DE COMPOSTELA, MANIFESTACIÓN NACIONAL CONVOCADA POLA PLATAFORMA “QUEREMOS GALEGO”