A Coordenadora Nacional do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), ante a proposta feita para o Consello Nacional do BNG de mañá relativa á convocatoria da Asemblea Nacional Ordinaria para o 2010, quer manfiestar a seguinte posición:
- A convocatoria da Asemblea Nacional Ordinaria do BNG, tras escasos meses despois do peche dos procesos post-asembleares nas comarcas, debería ir necesariamente ligada a unha análise a respecto do nivel de cumprimento dos obxectivos que se marcaron na Asemblea Nacional Extraordinaria de maio de 2009, dende a nosa perspectiva inda lonxe de culminárense. A día de hoxe parte das planificacións de traballo que se definiron inda están a se encetar, polo cal non ten lóxica organizativa ningunha a celebración dun proceso asemblear neste momento. Tampouco ten sentido a celebración dunha asemblea centrada na preparación das eleccións municipais cando acabamos de saír dun proceso asemblear no que houbo un relatorio específico sobre Política Municipal.
- En segundo lugar, isto sumiría á organización nunha situación de interinidade permanente: a poucos meses de constituírense a meirande parte dos organismos nacionais e comarcais, a convocatoria de Asemblea Nacional Ordinaria implicaría a esixencia estatutaria de renovación de organismos. Non serviría pois, para darlle estabilidade á organización nin moito menos, senón para desfacer o pouco traballo que se teña iniciado nas comarcas e localidades.
- Máis alá da inmediata coxuntura que marca o ciclo eleitoral, do MGS reafirmamos a nosa valoración sobre a asemblea extraordinaria do pasado ano: entendemos que non pechou os debates abertos na fronte, que precisa -segundo a nosa análise- dun cambio de rumbo, unha reactivación orgánica baseada na capacidade de decisión da militancia e unha mellor articulación da diversidade, entre outras necesidades. Ao contrario, o debate de ideas foi daquela eclipsado pola ruptura interna e consecuente polarización entre as dúas sensibilidades maioritarias, que ata entón monopolizaran consensuadamente a dirección política, promovendo e aprobando a delegación nas asembleas nacionais.
- Por tanto, o Movemento Galego ao Socialismo entende que a vindeira Asemblea Nacional do BNG debe ser un proceso que se dea nunhas condicións que permita un debate sincero, longo e sosegado con participación de toda a militancia de base da Fronte Patriótica. A nosa organización, cando menos, non renunciará a poñer a debate a supresión do sistema de delegación para a celebración das asembleas nacionais, o cal require que se dean esas condicións de partida. Tendo en conta o calendario que se manexa para o proceso pre-electoral, este escenario está lonxe de producirse neste momento. De se celebrar agora, sería unha asemblea trucada, sen posibilidade de debate e por suposto pactada entre as dúas grandes correntes sen dar voz á base militante, e ese é un xogo do que o MGS, en coherencia co que sempre veu defendendo no seo do Bloque, non está disposto a ser arte nin parte.
- A Fronte Patriótica non terá un funcionamento máis democrático porque faga máis asembleas, senón polo feito de que muden as dinámicas e que participe toda a militancia na organización, e esa é a aposta do MGS: o debate aberto e sen posicións enrocadas nin condicionamentos externos e a supresión do sistema de delegados/as.
- Por estes motivos, o MGS oporase á celebración da Asemblea Nacional Ordinaria na xuntanza deste sábado do Consello Nacional do BNG, e trasladará esta posición no debate que alí se dea.