1. Balanzo crítico

O Movemento Galego ao Socialismo advertiu desde a súa fundación das dimensións da deriva político-organizativa do Bloque Nacionalista Galego, e da importancia que esta tiña non só para o nacionalismo senón para o país e a clase traballadora. Sen dúbida, a peor consecuencia foi que neste momento, na conxuntura máis premente, non temos unha fronte unida, combativa e ben estruturada, capaz de transformar o desastre obxectivo en conciencia nacional e de esquerdas, en organización militante e actuación social, e polo contrario temos que dedicar boa parte dos esforzos a reconstruir internamente o nacionalismo galego como axente de liberación nacional e transformación social.

Neste sentido, reclamabamos na última Asemblea Nacional un xiro á esquerda e ao soberanismo, abandonando posturas conciliadoras co poder económico e mornamente autonomistas no plano nacional. Dous anos despois, estamos aínda moi lonxe de darnos por satisfeitos. Si existiu un cambio no rexistro do discurso -que se opuxo frontalmente ás medidas neoliberais impulsadas coa excusa da crise polos gobernos español e galego-, unha mellora na actuación social -particularmente na confluencia e relación preferente co sindicalismo nacional e de clase- e unha posición máis coherente no plano internacional, con exemplos como a condena da agresión imperialista de Libia ou a solidariedade coa Revolución cubana. Sen embargo, mantivéronse deficiencias moi sintomáticas: unha convivencia interna convulsa -unha candidatura co 15% de votos quedara fóra da Executiva, o debate interno tivo unha presenza pública desmesurada e mediatizada, moi superior á das propostas e o discurso propio da fronte, e elaborouse un regulamento de elaboración das listas municipais que favorecía as exclusións en vez das integracións-, unhas alianzas incoherentes -a nivel nacional, polo continuísmo nos pactos co PSOE, e a nivel internacional, pola continuidade da aposta fenecida de Galeuscat- e determinadas posturas erráticas e desmoralizantes entre a base nacionalista de esquerdas -como a solicitude no Senado dunha base militar na Limia, o apoio á mobilización en defensa de Garzón, a participación en actos tan contraditorios co nacionalismo galego como os eventos oficiais da Guardia Civil, ou a asidua ausencia de crítica exteriorizada ante a imposición aos cargos institucionais de xura da Constitución.

Máis grave aínda é o permanente cuestionamento, por parte de sectores relevantes do BNG, dos seus principais sinais de identidade, desde o frontismo ata o asemblearísmo ou o seu carácter de esquerdas, que supostamente tería que ser superado en prol dunha ineluctábel modernización que pasa polo homologación cos partidos sistémicos. Algúns exemplos relevantes desta ofensiva foron o manifesto de parte dos alcaldes, que non só se atribuían o peso dos logros eleitorais da fronte, senón que se afirmaban en posesión da fórmula para reeditalos noutros ámbitos e en consecuencia reclamaban maiores atribucións que as derivadas dos seus direitos como militantes; e o recente intento de impulsar primarias nas que non só participaría á militancia, á semellanza do que realizan formacións tan incardinadas no sistema como o Partido Socialista Francés ou os partidos alternantes no poder nos Estados Unidos. Estas iniciativas, lonxe de representar unha “apertura” á sociedade -termo fetiche por excelencia para encobrir calquera renuncia á defensa das posicións propias- teñen como finalidade avivar os nosos peores defectos como organización, ao impoñer un debate basicamente mediático, nun panorama tan asfixiante co nacionalismo, entre personalismos que aspiran a competir en función das súas dotes de lideranza, reais ou impulsadas polos medios, e debilitar externamente o programa político aprobado polo conxunto da organización.

2. Forma de actuar

Se queremos construír un país e un mundo diferente, nós mesmos temos que actuar doutro xeito. Do MGS decidimos limitar a nosa presenza pública, xa que non contamos cun sistema minimamente pluralista de medios de comunicación, senón máis ben ao contrario: os grandes grupos están dominados por intereses que só aspiran á desaparición do nacionalismo galego. As frecuentes aparicións neste ámbito de diversos sectores do BNG non están a achegar á militancia información veraz do pluralismo da fronte e das lexítimas posturas de cada sector organizado politicamente, senón que son utilizadas para debilitar ao conxunto e acrecentar a sensación de inestabilidade. Lonxe de representar un exercicio de transparencia, estas comparecencias foron utilizadas para presionar previamente ás celebracións das reunións dos organismos, nunha dinámica máis propia da chantaxe que do diálogo, mentres a militancia de base só accede ao espectáculo soñado por PP e PSOE, e non ao contraste real de argumentos. Nesta Asemblea Nacional proseguimos un camiño que debería ter moito máis percorrido: utilizar os mecanismos de comunicación interna da fronte, as nosas propias listaxes e os nosos locais, para comunicar directamente coa militancia interesada, sen máis límites que os do encontro reflexivo, pausado e ausente de descalificacións, mantido entre compañeiras e compañeiros e na nosa casa, nos nosos propios termos e non nos marcados e desexados polas direccións de La Voz de Galicia e a TVG.

O Movemento Galego ao Socialismo cumpriu minuciosamente todos os acordos adoptados nas reunións preparatorias da Asemblea Nacional no que atinxe ao procedemento, os prazos, os contidos a tratar e as dimensións dos documentos. Daremos a coñecer as nosas propostas por medio do contacto directo en actos específicos, en asembleas comarcais e na Asemblea Nacional, e polos nosos propios medios de información como esta web.

3. As nosas propostas

As nosas propostas, que poden ser consultadas integramente no documento anexo, sintetízanse nos seguintes pontos:

-A crise nón é só económica, senón política, derivada da natureza intrínseca do capitalismo e non dos seus excesos. Non entrou en crise o capitalismo -onde esta ten un carácter permanente- senón as medidas tomadas para superala. O imperialismo non é tampouco consecuencia da inmoderación de determinados gobernos, senón unha expresión necesaria do sistema para abrir mercados, apropiarse de recursos vitais e atacar movimentos disidentes. Ademais, o modelo de desenvolvimento pretende ignorar conscientemente os límites do planeta, poñéndonos a todos á beira do abismo. Neste sentido, non caben visión condescendentes coa UE, unha institución á medida do capital transnacional, cun papel determinante na imposición do neoliberalismo, sen funcionamento minimamente democrático e negadora da soberanía de pobos como o noso. Os procesos de “rescate” representan a desmontaxe do pacto social que medrara tras a II Guerra Mundial, un atentado contra a soberanía dos pobos afectados e contra os direitos das súas clases traballadoras. O grande capital aspira a absorber definitivamente os servizos públicos básicos, ata converter este sector nun mero ente asistencialista e ineficaz. As políticas económicas neoliberais, impulsadas desde a UE e sumisamente traspostas ao Estado, teñen tido consecuencias dramáticas na nosa economía e na clase traballadora galega, que padece a redución do gasto social, a privatización da sanidade e a economía, os recortes das pensións, a reforma laboral ou a perda de forza na negociación colectiva. Máis unha vez evidenciáronse as limitacións de Galiza para poder decidir, máis alá do escaso interese da Xunta por exercer as súas miúdas competencias. Incrementáronse as desigualdades sociais, derrubouse a produción industrial e medrou de forma grave o desemprego, particularmente entre a mocidade.

– A autonomía non foi un éxito do pobo galego no camiño do autogoberno, senón o opio das nacións sen Estado, unha fórmula ideada desde arriba para narcotizar as lexítimas aspiracións nacionais cunha descentralización administrativa, ben resumida na gráfica fórmula de “café para todos”. Para superar o actual modelo, o nacionalismo galego debe cuestionar o modelo autonómico e pular polo recoñecemento do dereito de autodeterminación desde a esquerda, para exercermos a soberanía en favor da clase traballadora galega.

-En consonancia co expresado, o nacionalismo debe reafirmar a súa aposta pola soberanía, o internacionalismo e o antiimperialismo, impulsando a loita por un sistema económico a favor das maiorías sociais. Esta posición debe levar aparellada unha política coherente de relacións internacionais.

-O BNG debe acompasar o discurso coa súa práctica política. Se recoñecemos que PP e PSOE son dúas caras do mesmo proxecto, debemos exercer de alternativa coherente, revisando as fórmulas de pacto institucional con estes últimos, e aspirando ao medre da conciencia social e nacional por riba do resultado eleitoral inmediato. Nas institucións debemos ter unha actuación congruente a todos os niveis, en defesa dos servizos públicos e da superación das desigualdades sociais.

-No que atinxe aos aspectos organizativos, do MGS reclamamos, entre outras propostas: unha modificación estatutaria que elimine a delegación nas Asembleas Nacionais; diversos mecanismos que impidan as afiliacións masivas, sen implicación real na vida e debates da organización, que teñan como único obxectivo condicionar as decisións nun proceso asemblear determinado; a recuperación das asembleas como órganos de debate e toma de decisión política; a representación proporcional do pluralismo político na Executiva Nacional; a incompatibilidade da candidatura á Presidencia do Goberno galego coa Portavocía Nacional, para diferenciar nidiamente planos institucional e orgánico; un modelo máis democrático e pluralista de elección de cargos orgánicos e institucionais; e a recuperación da actividade política e social máis do BNG máis alá do traballo institucional.

-Somos conscientes de que os nosos obxectivos non se acadarán só cunha intervención electoral e institucional, senón por medio da hexemonía social do nacionalismo galego, gañada por medio da participación activa e referencial no tecido asociativo, cultural e veciñal do noso pobo, en chave galega, amplo e plural.

Para vehiculizar estas propostas, o MGS elaborou un texto que será submetido a debate e votación en todas as comarcas como voto particular. Alén de aproveitar a inestimábel oportunidade de expoñer e defender esta tese, participaremos na elaboración de emendas ao texto aprobado como base polo Consello Nacional, e participaremos activamente no debate xurdido das achegas do conxunto da militancia.

4. Candidatura ao Consello Nacional

Malia que achamos que o fundamental é impulsar o debate de ideas nesta Asemblea Nacional, o MGS tamén impulsará unha lista propia para o próximo Consello Nacional, como outro mecanismo máis de afortalar o proxecto político do BNG para o século XXI, participando así do liderado coletivo da fronte e impulsando un cambio de rumo á altura das circunstancias.

Descarga: Documento de TESES PARA A XIIIª ASEMBLEA NACIONAL DO BNG. Proposta do Movemento Galego ao Socialismo