Presentado o pasado sábado polo Goberno da Xunta o anteproxecto do Decreto que pretende minimizar a presenza do galego no ensino non universitario, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) fai pública a seguinte declaración:

1º.- O anteproxecto de Decreto que presenta a Xunta do PP supón unha verdadeira involución no que respecta á presenza e uso da lingua propia e nacional de Galiza nun ámbito tan fundamental para o proceso de normalización do galego como é o do ensino non universitario.

2º.- O devandito anteproxecto de Decreto só responde aos intereses dos sectores máis reaccionarios e españolistas da nosa sociedade, sectores que aínda sendo minoritarios están a contar co apoio descarado do PP, así como de boa parte do poder económico e mediático da nosa nación.

3º.- Faise necesario, máis unha vez, unha forte mobilización e contestación social, como resposta contundente a este anteproxecto de Decreto, desde o convencemento de que é posíbel parar esta nova agresión á lingua e de que se fan imprescindíbeis, no camiño da recuperación e normalización do noso idioma, resortes como o da mobilización e a concienciación do conxunto do pobo do que formamos parte. En tal sentido, amosamos o noso apoio decidido ás mobilizacións que está a impulsar a plataforma social e cidadá “Queremos Galego”, en rexeitamento da proposta de Decreto contra o galego no ensino da Xunta do PP.

4.- Nesa mesma dirección, o MGS fai un chamamento a combater no político e no ideolóxico a ideoloxía españolista e galegófoba que sustenta actuacións como a do devandito anteproxecto de Decreto contra o galego no ensino, e que impregna tanto ao PP como a importantes sectores do PSOE en Galiza.

En defensa do noso idioma, nin un paso atrás!


Coordenadora Nacional do Movemento Galego ao Socialismo (MGS)

Galiza, 15 de marzo de 2010


CONCENTRACIÓNS CONTRA O DECRETO: luns 15 de marzo de 2010 (MÁIS INFORMACIÓN EN: www.queremosgalego.org)

Santiago de Compostela: ás 20 horas na Praza do Toural
Vigo: ás 20 horas na Rúa do Príncipe (diante do MARCO)
A Coruña: ás 20 horas na Praza de Pontevedra (diante do instituto)
Ourense: ás 20 horas na Avenida da Habana (diante do edificio administrativo da Xunta)
Lugo: ás 20 horas na Rolda da Muralla (diante do edificio administrativo da Xunta)
Pontevedra: ás 20 horas na Praza da Peregrina
Ferrol: ás 20 horas na Praza de España (diante do edificio administrativo da Xunta)
Vilagarcía de Arousa: ás 20 horas na Praza de Galiza
Noia: ás 20 horas diante do Concello
A Pobra do Caramiñal (para toda a Barbanza): ás 20.30 no Cantón da Leña
Foz: ás 20 horas diante do Concello
Carballo: ás 20 horas diante do Concello
A Estrada: ás 20 horas na Praza do Concello