O Movemento Galego ao Socialismo estará presente na Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG do vindeiro 10 de maio cunha posición crítica pero construtiva, baseada no manifesto “Máis Alá”, que promove conxuntamente coa organización xuvenil Isca! e está a divulgar entre a base social nacionalista.

Malia non concordar coa fórmula da asemblea por delegación e insistir na necesidade de recuperar no futuro o seu carácter aberto, a militancia do MGS participará na Asemblea Nacional Extraordinaria, quer mediante a presentación de listas propias, quer en colaboración con outros grupos, en función da situación en cada comarca.

En todo o caso, a participación en listas conxuntas para a elección de delegados e delegadas non condiciona a nosa posición na propia Asemblea, na cal defenderemos un cambio de rumbo no nacionalismo galego, centrado en reforzar o pluralismo interno no BNG e a implicación cos movementos sociais, ben como a súa identidade soberanista e de esquerda.

Compostela, 16 de abril de 2009.