A pesar de que desde o nacemento do Movemento Galego ao Socialismo a colaboración e complicidade entre a militancia da nosa organización e a de Isca! foi un feito, faltaba darlle a formalidade necesaria. Isto produciu-se o pasado 12 de Agosto, ao remate do acto de homenaxe que o MGS rende anualmente a Moncho Reboiras no cemiterio de Imo nun ambiente de camaradería.

Moitos e moitas compañeiras de Isca! foron protagonistas na etapa de xestación do MGS como organización política e cumpiron un importante papel de reagrupar a militantes dispostos e dispostas a constituir un referente de clase e independentista no seo do BNG. Esa nova organización, o MGS, contou sempre cunha importante presenza de mozos e mozas organizados tamén a nível xuvenil e esa realidade autónoma é recoñecida polo conxunto do MGS como referencial no seu ámbito.

Esta decisión axuda a visibilizar unha unidade de obxectivos que redunda, non só no beneficio das dúas organizacións, senón dos fins estratéxicos que compartimos. O importante, a fin de contas non son as siglas ou os proxectos particulares senón o reforzo dun espazo político que entendemos chave para Galiza desde a perspectiva de quen acreditamos que perder o horizonte da plena soberanía e da construcción dunha sociedade alternativa ao capitalismo sería un suicidio colectivo. Esa unidade de acción que xa existía na prática diaria hoxe é un feito que agardamos contribua a novas unidades e á definitiva consolidación do noso espazo político.

Consulta: Protocolo de colaboración MGS-Isca!