O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) homenaxeou Moncho Reboiras por cuarto ano consecutivo, nun acto público celebrado por uns 40 militantes e simpatizants no cemiterio de Imo, 36 anos despois do asasinato do revolucionario galego pola policía española na ferrolá Rúa da Terra.

Lonxe de ritualismos baleiros, o MGS afirmou a fonda significación política da xornada, aproveitada non só para vindicar a memoria de Reboiras, senón para reclamar publicamente a plena vixencia dos obxetivos polos que actuaba, loitaba e sufría o nacionalismo galego no tardofranquismo, a plena soberanía nacional e o socialismo, así como a necesidade de construir un modelo organizativo militante e alternativo aos hexemónicos e o propósito de acumular forzas en torno a un programa rupturista coas engranaxes do sistema e as súas sucesivas reformulacións. Neste sentido se expresaron as compañeiras Laura Rodríguez, de Isca! e Rafael Villar polo Movemento Galego ao Socialismo, quen chamaron a afortalar as nosas estruturas organizativas e o noso activismo militante, particularmente diante da fronte patriótica, nun contexto de encrucillada sobre o seu futuro e orientación política.

O acto, que se abrira co hino nacional, rematou co do socialismo revolucionario, a Internacional, e deu paso a un xantar de confraternización entre militantes e simpatizantes do MGS.

Podes ver un video do acto aqui.