O Movemento Galego ao Socialismo manifesta o seu apoio á folga xeral convocada pola CIG para o 27 de xaneiro contra a reforma das pensións e en demanda da retirada da reforma laboral. O MGS considera indecente a proposta de reforma das pensións presentada polo Goberno presidido por Zapatero e impresentábel a actitude dos sindicatos estatais CCOO e UGT, que apostaron por manter un marco de diálogo non só con representantes do Executivo senón tamén con representantes da patronal, pregándose de forma incondicional aos intereses das entidades financeiras e converténdose en valedores dun sistema inxusto, insolidario e profundamente antisocial.

CCOO, UGT e o Goberno do PSOE están a escenificar un falso debate no que as partes defenden posicións presuntamente opostas, que irán matizando no decurso dos días, co único obxectivo de xustificar diante do conxunto da clase traballadora e das súas propias bases un acordo xa pactado de antemán.

Coa súa actitude colaboracionista pretenden unicamente neutralizar toda posíbel resposta social, narcotizar á clase traballadora para que aceptemos con resignación unhas reformas que supoñen un retroceso histórico nas nosas condicións materiais e sociais, e anular as conciencias para que sigamos pagando a crise e garantindo o incremento de beneficios aos representantes do capitalismo na súa versión máis depredadora.

O máis grave é que as centrais sindicais españolas, alén de compartir mesa coa patronal –algo ao que xa están afeitas logo de anos do que nos venderon como diálogo social- exixen ademais que nese grande pacto entre tamén o Partido Popular. Unha organización política que defende posicións neofascistas no plano político e social e o neoliberalismo máis salvaxe, no plano económico, o que obriga a preguntarse a que tipo de acordo pretenden chegar para que o poida asumir este partido.

Coa reforma das pensións e a anunciada reforma da negociación colectiva, que tamén se está a debater nese marco de diálogo ‘social’, consúmase o maior ataque aos traballadores e traballadoras desde o franquismo.

A reforma das pensións céntrase, fundamentalmente, no atraso da idade de xubilación e no aumento do período de anos cotizados para calcular a contía das pensións. O obxectivo destas propostas é dificultarnos o acceso ás pensións e reducir a cantidade que se paga polas mesmas, alén de abocar aos traballadores/as a investir os poucos aforros dos que dispoñan –cada vez son máis as familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes- en plans de pensións privados, garantindo así un apetitoso nicho de negocio para as mesmas entidades financeiras que provocaron a crise.

Sendo gravísima a intención de atrasar aos 67 anos a idade legal de xubilación, máis o é o aumento do número de anos necesarios para calcular a súa contía. Esta medida afectará especialmente a Galiza, onde os salarios son máis baixos que na media do Estado español e onde, en consecuencia, as pensións son tamén as máis baixas.

A pensión media en Galiza é agora de 728,24 €. Se se pasa dos 15 anos actuais cotizados para calcular a súa contía a 20 anos perderíase un 6%, quedando en 684,55 €; se se incrementa o período de cómputo de 15 a 25 a nosa perda sería do 10% pasando a ser de tan só 655,45 €. A patronal, coa que tamén están a negociar CCOO e UGT, defende que se tome como referencia para o seu cálculo toda a vida laboral, o que suporía un recorte do 20%, quedando en 582,59 €.

Para o MGS é inadmisíbel que se entre sequera a valorar estas propostas cando a taxa de desemprego se achega ao 20% para o conxunto da clase traballadora galega e ao 40% entre a mocidade. E é que esta reforma afectará especialmente á mocidade e ás mulleres, que seguen a ser as que abandonan durante anos a súa carreira profesional ou o seu posto de traballo para coidar dos dependentes, sexan os seus fillos, sexan os seus maiores.

A mocidade galega tarda case até os 35 anos en ter un posto de traballo estábel. De media, en 2009, a temporalidade foi do 26,7%, pero acadou, entre os menores de 24 anos, o 63% ; foi dun 42,6% para os que teñen entre 25 e 29 anos e dun 32,8% entre os de 30 e 34 anos.

Canto aos salarios, de media, un traballador con menos de 25 anos non acadou en 2009 os 11.500 € e unha traballadora non chegou sequera aos 10.000. No grupo de entre 25 e 34 anos, a media salarial estaba en 2007 arredor dos 15.000 euros, moi lonxe da media galega, que era de 17.406 euros. Tal é así que o salario medio dos traballadores de máis idade practicamente duplica o dos máis novos, e iso sendo os salarios dos traballadores galegos dos máis baixos do Estado español.

Entre os 15 e os 29 anos, o 20,1% tiveron un contrato temporal en prácticas, aprendizaxe ou formación; un 41,4% outro temporal; só o 7% accederon a un contrato fixo e un 23,5% non tiña contrato. Ou sexa, o primeiro contrato de máis do 90% dos mozos/as foi temporal ou, o que é peor, non tiveron contrato de traballo. [1]

Diante desta situación resulta esperpéntico que haxa organizacións sindicais que senten sequera a valorar as propostas presentadas polo goberno Zapatero. Se ben é verdade que CCOO e UGT centraron a súa oposición á reforma das pensións, desde o primeiro momento, no atraso da idade de xubilación aos 67 anos, a estas alturas todo parece indicar que estarían dispostas a aceptar o atraso progresivo e que se puxesen en marcha incentivos para que puidesen continuar no mercado de traballo, pasados os 65 anos, as traballadoras e traballadores que quixeran.

O Goberno, pola súa banda, anunciou que podería aceptarse esa aplicación progresiva do atraso da idade de xubilación, para a súa efectivización definitiva en 2027.

Con estas filtracións interesadas de concesións por ambas as partes estaríase preparando á opinión para “tragar sapos”, como dixo Cándido Méndez. O que non din CCOO e UGT é que, de aceptar a ampliación do período de tempo para o cálculo das pensións, todos estaremos obrigados a atrasar a nosa idade de xubilación se queremos acceder a unha pensión digna.

Para favorecer o acordo e que os sindicatos españois poidan alegar algunha pequena vitoria, o Goberno di estar tamén disposto a eliminar como causa de despedimento obxectivo e “cuase” gratuíto as perdas temporais en empresas, pero mantén todas os demais e non move unha coma do resto da reforma laboral que provocou a anterior folga xeral.

No mesmo sentido, o Goberno, que para facilitar a reapertura das negociacións propuxo manter a idade de xubilación aos 65 anos para quen contara con 41 anos traballados, manifestou a súa disposición a aceptar que se rebaixase este período a 37 anos. No primeiro caso habería que ter comezado a traballar, sen interrupcións, aos 24 anos. No segundo caso, aos 28. Un requisito que dadas as elevadas taxas de desemprego actuais será imposíbel de cumprir para a maioría da poboación.

Ningunha destas propostas é aceptábel porque o único que fan é maquillar unha reforma que terá graves consecuencias para o conxunto da clase traballadora. Para o MGS só cabe a retirada da proposta de reforma das pensións e só coa mobilización poderemos frear a súa aplicación. Ao Goberno, á patronal, a CCOO e a UGT hai que demostrarlles que non imos aceptar que se siga agredindo a clase traballadora e que non imos tolerar que mercadeen cos nosos dereitos.

Coa CIG, á folga o 27 de xaneiro!

[1] Datos tirados do Informe Mocidade e Emprego, elaborado por Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico de Economía da CIG