Logo de analizado o resultado do proceso de elección de delegados nas comarcas, a Xestora Nacional da nosa organización ven de fixar as liñas concretas que definirán a nosa participación na Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG.

Aínda que a nosa presenza estará condicionada por un sistema de delegación que limita a participación da militancia e perxudica as minorías no seo do BNG, o noso discurso estará presente no máximo organismo de decisión do BNG o próximo 10 de maio.

Alí, daremos o debate político por medio dunha serie de emendas apresentadas nas Asembleas Comarcais e que, como xa temos anunciado, inciden na autocrítica ante os erros cometidos, na recuperación do asemblearismo, en potenciar a relación  en pé de igualdade cos movementos sociais e en acentuar o perfil soberanista e de esquerda.

Ademais, e unha vez confirmado que serán varias as opcións que concorrerán na propia Asemblea para a elección do Consello Nacional, defenderemos o noso discurso tamén através da presentación dunha candidatura propria ao organismo de dirección da fronte, co obxectivo de aglutinar o apoio da militancia crítica e de visibilizar o nos discurso e a nosa alternativa no momento actual.

A nosa mensaxe fundamental e propostas ante esta asemblea aparecen sintetizadas no documento “Máis Alá! – por un cambio de rumbo no nacionalismo galego”, que estamos a distribuir entre a base social e militante do nacionalismo galego.

Achamos, portanto, fundamental centrar no debate de ideas e non nas persoas o contido desta Asemblea que sentará as bases da evolución do nacionalismo nos próximos anos e na que nos participaremos de xeito crítico, leal e construtivo.