O 10 de marzo do ano 1972 os traballadores do naval ferrolán Amador Rei e Daniel Niebla morrían abatidos polas balas da policía tras xornadas de mobilizacións na Empresa Nacional Bazán. Os traballadores desta empresa loitaban por un convenio digno e reivindicaban melloras salariais, mellores condicións de vida e liberdades políticas. As masivas loitas obreiras e folgas en Vigo e Ferrol nese ano e a vaga de solidariedade e toma de consciencia posterior criaron o caldo de cultivo necesario para que o sindicalismo nacionalista e de clase se desenvolvera en Galiza facendo frente á patronal e ao sindicalismo entreguista de CCOO e UGT. A CIG, digna herdeira desa tradición combativa e non pactista, segue hoxe a defender na rúa os intereses da clase traballadora galega.

Na actualidade unha nova reforma laboral se está a cocer entre goberno, patronal e o sindicalismo español para que, mais unha vez, a clase traballadora paguemos a factura dunha crise provocada pola codicia dos poderosos que se enriqueceron co noso traballo. Neste momento é mais evidente que nunca que hai que seguir loitando por mellores salarios, por convenios dignos, e polas liberdades políticas que garanticen os nosos dereitos individuais e colectivos. É por iso que os traballadores e traballadoras galegas temos a necesidade de organizarnos sindical e politicamente na defensa dos nosos intereses imediatos e estratéxicos como maioría social.

O Movemento Galego ao Socialismo é unha ferramenta en construcción da clase traballadora galega. Defendemos que as loitas concretas, desde os pequenos conflitos laborais ás grandes folgas, son contra un inimigo común como é o capitalismo que é o que provoca as inxustizas e desigualdades sociais que padecemos cada día e que están na orixe dos conflitos internacionais, as guerras e a negación da soberanía de pobos como o galego. Traballamos no seo da CIG, desde as empresas aos organismos para fortalecer a nosa central sindical na defensa de mellores condicións de vida. Os dous símbolos do noso anagrama representan os dous eixos fundamentais a partir dos cales se nuclea o noso ideario político: a bandeira vermella da clase traballadora na súa loita por un sistema político ao servizo dos hoxe oprimidos, e que non pode ser outro que o socialismo e a bandeira galega, coa estrela vermella de cinco puntas simbolizando a liberación nacional e a loita pola independencia de Galiza.

Mobilizacións convocadas pola CIG:

  • A Coruña: Ás 20:00 horas da Praza da Palloza
  • Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa
  • Lugo: Ás 20:00 horas da Ronda da Muralla (local CIG)
  • Ferrol: Ás 20:00 horas da Avda de Esteiro (local CIG)
  • Ourense: Ás 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
  • Pontevedra: Ás 20:30 horas da Praza da Ferrería
  • Vigo: Saída ás 20:00 h da Vía Norte