Perante a represión: liberdade para Catalunya!

Os movementos de liberación nacional supoñen un auténtico contrapoder, unha impugnación total do réxime e unha ameaza á súa propia viabilidade.

Hoxe vimos de coñecer de xeito oficial o resultado do xuizo farsa que se celebrou no Tribunal Supremo español contra parte da dirixencia do proceso independentista en Catalunya. Queremos transmitir a nosa solidariedade, o noso apoio e a nosa confianza fraterna a todas elas, ás súas familias, ás organizacións políticas ás que pertencen e, por extensión, ao conxunto do movemento soberanista e popular catalán.

Este novo ataque ás liberdades e os dereitos máis básicos só é unha mostra máis da verdadeira natureza do Réxime español e do Estado que o sustenta. É unha resposta brutal e represiva da que tantos e tantos exemplos ten habido desde a morte do ditador e unha falsa transición tutelada e dirixida pola mesma oligarquía política, económica e militar que gobernaba até ese momento no franquismo.

A situación logo de máis de 40 anos? Unha constitución ilexítima e irreformable, unhas forzas represivas cuxo fin máis importante é a garantía da indivisibilidade do estado, unha institución monárquica anacrónica e nomeada directamente polo ditador e, en definitiva, un réxime podre e decadente que protexe e blinda os privilexios da burguesía española e as súas taxas de gaño mediante o espolio e a represión ás nacións dominadas polo estado e ao conxunto das e dos traballadores.

Só así podemos entender até que punto o movemento independentista catalán, e o conxunto dos movementos de liberación nacional, supoñen un auténtico contrapoder, unha impugnación total do réxime e unha ameaza á súa propia viabilidade. Só así podemos comprender a envergadura do que supuxo o referendo do 1 de outubro, unha auténtica revolución democrática, nacional e popular; unha ameaza real e masiva a un réxime que respostou como unicamente sabe, coa represión. Unha derrota real dos opresores, unha mostra verídica das capacidades da desobediencia e a mobilización popular.

As leccións que podemos sacar de todo o que está a acontecer para o noso país e a nosa conxuntura tamén son moi valiosas.

En primeiro lugar volver afirmar o dereito de toda nación a construír o seu propio estado e a desenvolverse libremente e sen inxerencias externas. Cada un ao ritmo preciso que lle permita o desenvolvemento da súa loita de liberación nacional e popular. Como xa vimos, no caso concreto do Estado Español eses dereitos nacionais atacan e impugnan completamente os cimentos da viabilidade do propio Réxime, a unidade do Estado.

En segundo lugar, as opcións de ruptura democrática co estado son as que representan posicións de contrahexemonía á burguesía e o imperialismo español. Son as que abren un proceso constituínte non tutelado onde existe unha oportunidade real de cambialo todo, só dependendo da correlación de forzas existente nese intre histórico. Son unha oportunidade única de asestar un golpe moi importante que situaría ás clases populares nun lugar privilexiado para conseguir obxectivos tácticos inmediatos e avanzar nos estratéxicos. A incautación de capitais e nacionalización de certos sectores da economía, a ruptura coa Unión Europea e co Euro, a política de alianzas e a NATO, a construción e participación popular, a recuperación e o avance en dereitos políticos, sociais e laborais, etc.

En terceiro lugar, un estado a todas luces irreformable. A vía sen saída que nos ofrece unha recortada autonomía, que só representa máis pobreza, máis dependencia, máis submisión, máis autoritarismo, máis centralismo e máis represión. Non pode existir dicotomía entre autonomía e independencia, entre teimar en encaixar nun irreal estado plurinacional que xamais será tal e a posibilidade de gobernarmos nós o noso destino en igualdade co resto de pobos do mundo. Entre unha formal federación e a República Galega.

En cuarto lugar, e non menos importante, a necesidade de asumir que só coa desobediencia ás institución do Estado, ben sexa política, económica, xudicial, policial ou militar; só coa resistencia ás políticas e medidas represivas e antipopulares; só coa mobilización e a vontade popular poderemos avanzar nun proceso constituínte que nos achegue á consecución dos nosos obxectivos políticos. Contra isto a alternativa do estado é máis autoritarismo e máis centralización.

A autodeterminación, a desobediencia, a resistencia non se reclaman, exércese en todos os ámbitos da vida política. No institucional e na organización popular. Nos concellos e nas asembleas, nos parlamentos e nos centros de traballo. O deber que temos como soberanistas, alí onde esteamos presentes, é facer todo o que estea na nosa man para axudar ao desenvolvemento do proceso de liberación nacional e á deslexitimación do Réxime mostrando sen panos quentes a súa verdadeira carauta.

Que a nosa solidariedade coas presas políticas catalás condenadas hoxe, coas detidas e incomunicadas dos CDR, coas procesadas e sancionadas, por extensión, con todas aquelas persoas represaliadas por loitar contra o estado imperialista español, non sexa retórica dun día. A súa loita é a nosa loita, e a nosa loita é a de todos os pobos do mundo que buscan a súa liberación. Impugnemos o marco xurídico-político, desobedezamos as súas leis inxustas, resistamos a represión e o medo e avancemos cara a unha República libre e soberana.

Participa nas mobilizacións que a Plataforma Galiza con Catalunya ten convocadas en varias cidades e vilas do país.

Enchamos as rúas de solidariedade!

Nin sentenza, nin sedición, Independencia!