O soberanismo galego volve comparecer nestes comicios cunha alternativa electoral que se insire nun programa estratéxico máis amplo, que ten como principais obxectivos a soberanía nacional e a transformación social real.

Este domingo celébranse eleccións xerais no Estado Español, as segundas nun prazo de seis meses ante a ausencia de maiorías parlamentarias para conformar un novo goberno. A conxuntura aberta tras o 20 de decembro non só non serviu para abrir un cambio político que xa se albiscaba minimalista, senón que prolongou durante medio ano o goberno do PP e de Mariano Rajoy, así como a vixencia das súas principais medidas antipopulares, desde a reforma laboral até a LOMCE, a Lei Mordaza ou uns orzamentos antisociais e preparados desde as oligarquías europeas.

Á súa vez, esta conxuntura inscríbese nunha fase política máis ampla, que está caracterizada no fundamental por unha profunda crise económica, que aumentou a explotación e o empobrecemento da maioría social, mais que non se traduciu nunha nova correlación de forzas que revertise a concentración de poder e riqueza e dotase ao pobo galego de instrumentos democráticos. Ao contrario, o sistema político foi quen de construír as súas propias alternativas internas, que aumentaron a pluralidade aparente ao prezo de manter a unanimidade nas cuestións políticas centrais, desde a unidade do Estado e o menosprezo da soberanía nacional, até a defensa do capitalismo e das principais unións interimperialistas. Outra característica desta fase é a reducción da mobilización social e o desprazamento do malestar desde os ámbitos menos controlábeis, as rúas e a organización popular, ata o espazo mediático en mans dos monopolios e o institucionalismo inocuo.

13458724_1017084851674477_5392434892879529227_o

 

O soberanismo galego volve comparecer nestes comicios cunha alternativa electoral que se insire nun programa estratéxico máis amplo, que ten como principais obxectivos a soberanía nacional e a transformación social real. A candidatura BNG-Nós Candidatura Galega revindica o dereito á existencia política do país e a necesidade inmediata de desmontar o legado regresivo do Partido Popular mais tamén de erguer a voz da clase traballadora e das clases populares galegas, que teñen os salarios e as pensións máis baixas do Estado, que soportan as máis altas taxas de precariedade, temporalidade e emigración.

BNG- Nós Candidatura Galega reinvidica así unha política industrial propia, a criazón da banca pública e galega, o apoio aos sectores produtivos, a reversión da precarización, a defensa dos servizos públicos ou unha fiscalidade progresiva, entre outras medidas. Trátanse de propostas que pretenden avanzar no camiño da superación do modelo colonial que mantén o Estado Español, desde a denuncia constante dun deseño global alleo, e construído en función dos intereses da oligarquía española, á súa vez asociada e subordinada ás grandes potencias económicas da UE. En definitiva, Nós Candidatura Galega pretende representar máis un chanzo para cuestionar á vez o modelo institucional e político centralista das últimas décadas e o modelo económico que nos situou na actual emerxencia e exclusión social, para afirmar os dereitos nacionais, económicos e sociais, e responder cunha proposta de superación que garanta o futuro de Galiza e faga fronte ao imperialismo desde a nosa propia realidade e movemento de liberación nacional.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo apelamos á clase traballadora e ao conxunto das clases populares galegas a votar neste domingo por BNG-Nós Candidatura Galega, mais tamén a ampliar e intensificar a organización e mobilización popular en defensa das xustas aspiracións do noso pobo, no contexto dun proceso de loita  moito máis amplo que o marcado pola vía institucional.