“O capitalismo trae en si a guerra como a nube trae a treboada”

Jean Jaurès

Apenas nove meses despois de chegar á Casa Blanca, Barack Obama xa ten o premio Nobel da Paz, xa habitualmente controvertido. Non pode Obama expoñer moitos méritos nen logros concretos; de facto, o xuri premia apenas as súas intencións, non as súas actuacións, ao recoñecer os seus “extraordinarios esforzos por fortalecer a diplomacia internacional e a cooperación entre os pobos”. Ao xeito dun Pangloss contemporáneo,  o comité noruegués parece dicirnos que todo vai ben no mellor dos mundos posíbeis, cando o gobernante da maior potencia do planeta, e da historia, ten un compromiso tan intenso coa paz e o diálogo entre nacións.

Discursos e realidades

Os feitos son testarudos. O pretendido multilateralismo de Obama bate frontalmente coa súa política continuísta no esencial, e reformada no accesorio. No seu discurso da madrugada do 5 de novembro de 2008, tras coñecerse o resultado das votacións, Obama lembraba que “soldados estadounidenses espertan nos desertos de Iraque”. Demostraba que pouco coñecía da xeografía natural e humana do país invadido polo seu predecesor cinco anos antes. Desde 2003 morreron máis dun millón de iraquíes e cinco millóns foron desprazados ou convertíronse en refuxiados externos, mentres o país era asolagado pola corrupción, a pobreza e a violencia, mentres os recursos naturais eran expoliados por intereses foráneos e as institucións eran desmanteladas. Obama mantivo o anterior Secretario de Estado de Defensa, o republicano Robert Gates, non para se arrepentir polo xenocidio cometido, desmantelar a ocupación, iniciar unha reparación inabarcábel e garantir a independencia e a democracia no país, senón para “rematar a misión de combate”, isto é, para gañar a guerra que non puido rematar Bush, que só empezou en realidade despois da invasión.

O legado da ocupación iraquí é aterrador, pero parte da opinión pública tranquilizouse ao anunciar Obama que ten prevista unha retirada gradual das tropas… mentres reforza o continxente instalado, pola mesma lóxica colonial, nas veas abertas de Afganistán, un dos países máis pobres do mundo convertido nun dos principais productores de drogas, xa com máis de 50.000 vítimas mortais da guerra e máis dun millón e medio de refuxiados, segundo as Nacións Unidas. Obama explicou que a guerra do Iraque foi unha “distracción perigosa” que debía ter rematado máis rápido, xa que ocupaba a soldados norteamericanos que debían combater na verdadeira fronte aberta en chan afgao, de xeito que 17.000 soldados máis partiron para o país de Asia Central para amparar os seus intereses económicos, aínda que o Nobel da Paz a presente como unha resposta máis que adecuada e proporcionada aos ataques do 11-S.

A respeito de Palestina, Obama renovou a táctica diplomática e instou a Israel a procurar a resolución do conflito. Mesmo pronunciou un emotivo discurso a todo o mundo musulmán, no que prometía un novo achegamento baseado no respeito mutuo. Boas palabras que tampouco tiveron ningún resultado concreto mais que unha leve ou finxida indignación por parte de Israel, cuxos gobernantes lanzaran días antes da súa investidura unha operación de exterminio sobre a Faixa de Gaza, sen sancións nin consecuencias posteriores. En cambio, Obama reafirmou as “ligazóns indestrutíveis “entre os EUA e o monstro bélico sionista, e si anunciou castigos contundentes contra Irán, coa excusa do perigo nuclear. O novo Nobel acusou a Irán de representar a “maior ameaza para Israel”, de xeito que o xefe de goberno do Estado con máis armas nucleares do planeta declarou como o seu principal obxetivo na rexión “eliminar o perigo iraniano”.

O presidente norteamericano tamén modificou a retórica ultrabelicista despregada por Bush sobre América Latina, pero mantivo o bloqueo sobre Cuba -unha guerra comercial e económica-, e ninguén dubida da participación -ou promoción directa- de Washington no golpe de Estado nas Honduras, dado o amplo historial de intervencións semellantes, a presenza militar estadounidense no país, e a estratexia de lexitimación dos golpistas por parte da nova diplomacia do goberno Obama, que desde o primeiro momento instou a unha “negociación” entre o que chamaron “presidente interino” e o único lexítimo. Washington tamén anunciou a instalación de novas bases militares na Colombia e reactivou a cuarta flota nas inmediacións da Venezuela.

Un galardón devaluado?

Como é natural, a canonización laica de Obama foi recebida ao longo do mundo entre o escepticismo -bem polo seu carácter “prematuro” ou por inapropiado, como defendemos nós- e a indignación, ademais do entusiasmo de Zapatero e outros líderes, como o “presidente” de Afganistán Hamid Karzai, que verán no premio un aliciente para proseguir un imperialismo aparentemente humanizado. Con todo, aqueles que afirman que a decisión devalúa o prestixio do galardón, farían ben en esquecerse de loitadores como Nelson Mandela e recordar outros ilustres gañadores como o criminal de guerra Henry Kissinger, quen o recebeu en 1973 polo seu papel no cesar-fogo de Vietnam. Foi premiado conxuntamente coo vietnamita Le Duc Tho, quen se negou, dignamente, a compartir o galardón co instigador dos golpes de Estado en Chile e Uruguai e da sangrenta invasión indonesia de Timor.

Moito máis atrás no tempo, outros dous presidentes estadounidenses foran premiados co mesmo galardón mentres estaban no cargo: Theodore Roosevelt em 1906, pola súa mediación na guerra ruso-xaponesa, e Woodrow Wilson em 1919, pola fundación da Liga das Nacións.

No caso do primeiro, o acordo permitiulle garantir que ningún dos dous bandos se apoderase da China Septentrional, xa repartida entre as potencias ocidentais por métodos expeditivos, e non se esqueceu de engadir un acordo secreto que deixou vía aberta á anexión xaponesa de Corea em 1910. Ademais, garantiu a “independencia” de Panamá para facerse co Canal a perpetuidade, á vez que engadía o Corolario Roosevelt á Doutrina Monroe, polo cal os EUA se comprometían a intervir no continente para garantir o pago das débedas aos acredores europeus, e púxoo em práctica na República Dominicana.

Ao igual que Obama, Wilson tamén pertencía ao Partido Demócrata, emitiu mensaxes conciliadores e explotou as posibilidades da propaganda á vez que continuaba en grande medida a liña dos seus antecesores; así, en plena sintonía coa Doutrina Monroe, interveu militarmente en Nicaragua, Cuba, México, Panamá e Haití. Na campaña previa á súa segunda reelección, mesmo usou profusamente como slogan “El mantívonos fora da guerra”, en referencia á Grande Guerra que asolaba Europa; catro meses despois do seu nomeamento, logrou que o Congreso aprobase a entrada dos EUA no conflito, despois do cal quedou claro que presidía a nación incomparabelmente máis forte do mundo. Quizais o seu maior logro foi a constitución da Liga das Nacións, que establecía un novo marco de relacións internacionais que en teoría aportaría solucións dialogadas e preventivas aos conflitos, pero non puido nin sequera conseguir foi que o seu propio país se aderise a ela, e o seu éxito diplomático é tristemente coñecido.

O triunfo dunha icona e unha porta aberta

No seu día, a vitoria eleitoral de Obama non só creou unha icona simbólica de calado -unha imaxe de ruptura, por medio do éxito persoal e o mito da igualdade de oportunidades, coa discriminación racial institucionalizada durante séculos nos EUA- senón que difuminou os contornos da confrontación, moi marcados baixo a presidencia inefábel (ou xenocida, se nos atrevemos a definila) de George W. Bush. Sen embargo, o sistema xa demostrara a súa capacidade de permear e neutralizar certas diferencias -que mellor exemplo que Condolezza Rice- sen afectar nin ao colonialismo, nin ao racismo, nin ao patriarcado, nin por suposto ao corazón do capitalismo. No fundo, a elección de Obama representa o cénit do trucado “multiculturalismo” norteamericano que permite manter a mitoloxía do “soño americano” á vez que perpetua a inxustiza social en xeral e a exclusión dos negros en particular, un “discurso-pantalla” -como dirían Bourdieu e Wacquant-  xenuinamente estadounidense pero presentado como universal, que engana tanto aos que están nel como aos que non, á vez que mantén como intocábel a armazón que integra as diversas opresións.

Sen dúbida, o presidente norteamericano é un líder de carisma moi superior ao seu antecesor, e aparentemente moito máis intelixente. Máis difícil de argumentar é que o principal representante dunha macropotencia bélica sexa o Mesías que vai traer a harmonía entre os pobos, ou que a súa política exterior represente unha alternativa global á do imperialismo norteamericano. En realidade, é difícil imaxinar que algún día chegue a prosperar unha alternativa que retire o control da política exterior ao complexo militar industrial se ten que xurdir desde dentro do actual réxime político dos EUA, cunha democracia fundamentalmente oligárquica na cal  só dous candidatos, amparados polo grande capital, teñen posibilidades reais de gañar. Quizais non resulta intrascendente mencionar aquí que Obama bateu todos os récords de recadación, tanto nas eleccións primarias como nas xerais.

Máis alá deste sucinto repaso ao deserto do real, o Nobel da Paz a Obama representa principalmente un novo respaldo ao principal representante público do capitalismo, un máis que prescindíbel acicate para os defensores dun sistema centrado no fetichismo da mercadoría, o crecemento infinito e a maximalización de beneficios, á vez que indiferente ao sofrimento humano, no que non temos ningún futuro e que mesmo pon en risco a supervivencia do planeta. Só o seu carácter parcialmente ridículo e dramático á vez -como poderemos comprobar, con toda probabilidade, nas intervencións militares dos próximos anos- convirte este Nobel en aproveitábel para un discurso emancipador, baseado na revelación dunha verdade oculta, na constatación de que loitar pola paz é sempre loitar polo socialismo.