Como xa anunciáramos, onte presentouse a candidatura “Máis Ala!”, unha das catro que optan ao Consello Nacional  do BNG na Asemblea Nacional Extraordinaria do próximo 10 de Maio. A candidatura está encabezada polo compañeiro Rafa Villar.

Os compañeiros e compañeiras que formamos parte da candidatura Máis Alá! comprometémonos a defender as ideas contidas no manifesto do mesmo nome, que se poden concretar en:

1º) Promover a participación da totalidade da militancia da organización nas asambleas nacionais do BNG, sen delegacións nin exclusións.

2º) Apostar por un cambio de rumbo da organización, que devolva o BNG aos lindeiros do nacionalismo soberanista desde coordenadas da esquerda transformadora, así como por unha mudanza nos métodos de traballo no seo da organización, horizontalizando a toma de decisión e acompasando o labor político, o social e o institucional.

3º) Recuperar a capacidade mobilizadora da organización, e estabelecer unha nova relación cos movementos sociais, baseada na horizontalidade, na colaboración e respecto e recoñecemento mutuos.

4º) Reforzar a unidade do nacionalismo e da nosa organización, desde unha articulación inclusiva do pluralismo existente. Ampliar a base do BNG contando con todas aquelas persoas que, ben desde o campo social, ben desde a súa militancia política e/ou persoal, están dispostos a traballar organicamente por un BNG que sexa instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.

Nos próximos días daremos información máis cumprida sobre a nosa candidatura e a nosa posición na Asemblea Nacional.