Tanto no Festigal como na manifestación do BNG no Dia da Patria difundiuse o novo número da nosa revista, “Arredista!”, que é xa o quinto.

Desta volta analízase a situación do BNG ante a súa próxima Asemblea Nacional e as nosas propostas, o ataque aos servizos públicos, a acuicultura do salmón,  entrevístase ao dirixente da esquerda abertzale Tasio Erkizia e a Xabier Lago, membro da asociación cultural berciana Fala Ceibe, e tratanse temas de relevancia internacional como as eleccións en Portugal ou os 5 cubanos presos polo imperio.

A seguir reproducimos a editorial deste Arredista! nº5:

Celebramos o Día da Patria Galega do 2011 inseridos no mesmo contexto, máis agudizado, que o último ano. O grande capital e os gobernos ao seu servizo, tanto o PSOE no Estado como o PP na Xunta de Galiza proseguen a súa ofensiva cara os intereses das clases populares e as nacións sen Estado. Unha onda capitalista que abate outros países como Euskal Herria, onde os abertzales de esquerda están de parabens grazas á irrupción de Bildu nun panorama político falseado por anteriores  ilegalizacións. Ou tamén a periferia europea como Grecia, o país onde as tensións son mais fortes e con unha resistencia popular elevada e Portugal, recén saído dunha eleccións que levan de volta ao goberno a un outro partido tamén comprometido cos programas de axustamento decididos pola troika comunitaria.

Ás contrarreformas efectuadas no último ano (no mercado laboral e as pensións), que provocaron dúas folgas xerais no noso país, súmase unha última sobre a negociación colectiva, co fin declarado de enfraquecer a capacidade de presión do sindicalismo combativo e a centralización dos convenios colectivos. ademais a unha serie de ataques aos sevizos públicos: cortes na educación, privatizacións hospitalarias e de centros de saúde na sanidade, cortes nos servizos sociais…

As eleccións municipais do 22 de Maio deixaron para o BNG uns resultados decepcionantes, mais non catastróficos. O nacionalismo afronta agora un proceso de reflexión interna cara a celebración da nova Asemblea Nacional en outubro, onde deberá saír un BNG situado claramente no soberanismo e na esquerda, unido e combativo coa vaga españolista e neoliberal que asolaga o país.

O Movemento Galego ao Socialismo traballará nos próximos meses dentro do BNG no fortalecemento dun programa e unha acción claramente soberanistas e de compromiso coas clases populares, e en todos os espazos de traballo da nosa militancia actuaremos no combate frontal á ofensiva do capital no noso país: resistir na adversidade co optimismo da vontade, preparando tempos mellores.

 

Descarga en pdf

Consulta o Arredista! nº5