O Encontro nacional do MGS, que se realizou o pasado día 30 de xaneiro baixo o lema “Da teoría para a práctica”, concibiuse como unha posta en común do conxunto da militancia da organización, co fin de analizar e debater a actual conxuntura política e social de Galiza, e de ir adecuando organizativamente o propio MGS a esa conxuntura.

Con ese fin, o debate organizouse arredor de tres eixos temáticos: “Apuntamentos sobre o proxecto organizativo do MGS”, “Conxuntura actual do nacionalismo político (Acción política do MGS no seo do BNG” e “Actuación do MGS nas organizacións sociais”.

Feito o debate, que resultou moi participativo e ricaz no intercambio de opinións, elaboramos unha serie de conclusións nos tres eidos abordados e que se expoñen a seguir. As devanditas conclusións teñen, para nós, unha carácter eminentemente práctico, e a súa finalidade é a de orientar o noso traballo político e social para os próximos meses, á espera de celebrarmos, antes de que remate o ano, a 1ª Asemblea Nacional no MGS, na que se vai definir con maior clareza o noso perfil político e ideolóxico, como organización soberanista e marxista, que actúa política e socialmente. A seguir, apresentamos os puntos destacados destas conclusións:

Apuntamentos sobre o proxecto organizativo do MGS

1. O Movemento Galego ao Socialismo nace como tal partindo dunha situación moi complicada, que obrigou a reconstruir o proxecto e dar resposta inmediata aos retos que tivemos que enfrontar no último, ano, particularmente no seo do BNG e da CIG. Cumprida esta primeira fase de provisoriedade, o obxectivo central do período que comeza tras este Encontro Nacional debe ser consolidar definitivamente o proxecto a nivel organizativo. Por iso, marcámonos o obxectivo de celebrar non mais tarde deste ano a nosa 1ª Asemblea Nacional, encargada de trazar definitivamente as liñas constitutivas dunha estrutura partidaria, xa definida formalmente como tal.

2. Apostamos por unha organización de activistas, que asuman o compromiso consecuente derivado da súa miltancia. A asistencia ás reunións, a asunción de responsabilidades de dirección e de traballo, o cumprimento con estas responsabilidades, entender a aportación económica como un compromiso máis, a implicación nas organizacións nas que traballamos, a nosa responsabilidade individual e o compromiso deben ser os factores que construan a personalidade do MGS. Ademais, entendemos que a militancia implica unha coerencia diaria, práctica e a todos os niveis cos valores transformadores que defendemos. Así mesmo, o ambiente de confianza, lealdade cara aos compañeiros/as e camaradería é unha conquista vital que debemos esforzarnos por manter no seo da nosa organización.

3. Á marxe do traballo que desenvolvamos en cada área, a consolidación do proxecto do MGS debe ser a prioridade política da nosa militancia, pois entendemos que só un referente político sólido como o que estamos a construir pode garantir o avance do noso proxecto estratéxico e unha liña de traballo consecuente nos diferentes sectores.

4. Neste tempo fomos capaces de regularizar en boa parte o noso funcionamento nacional, a situación financeira e a cotización da maioría da militancia, así como a nosa estabilización organizativa nalgunhas zonas e o nacemento doutras. Porén, debemos corrixir eivas e afrontar novas tarefas de cara a mellorar o noso funcionamento orgánico (…).

Coxuntura actual do nacionalismo político. Acción política do MGS no seo do BNG

1- O MGS recoñece ao BNG como a organización frontista na que desenvolver o noso traballo político. No seu seo defenderemos, por unha banda, o seu carácter frontista e asembleario, así como a súa apertura a sectores e persoas que traballen polo soberanismo de esquerdas e que hoxe non están incorporados ao traballo político no BNG. Por outra banda, impulsaremos unha liña política no BNG que aposte claramente por un nacionalismo emancipador desde os postulados da esquerda transformadora.

2- En coherencia co dito, desde o MGS defenderemos que a acción política do BNG non se limite só ao labor institucional e ao desenvolvemento de campañas electorais sen máis, senón que se aposte claramente por unha reactivación do traballo social e do traballo de base. Así mesmo, impulsaremos que o BNG recupere a interlocución, sincera e en pé de igualdade, coas organizacións e movementos sociais actuantes no país e cos que existen coincidencias políticas e ideolóxicas, nomeadamente co sindicalismo nacionalista que representa a CIG.

3- Partindo da necesidade dunha maior incidencia das posicións e postulados dos MGS no BNG, faise preciso unha mellor planificación do traballo político, acompañada dun reforzamento orgánico con compañeiros e compañeiras que se impliquen máis e asuman maiores compromisos no traballo político do BNG. Nese sentido, cada estrutura territorial do MGS comprométese a manter un labor activo na fronte política, co fin de facer chegar as nosas alternativas e de ir gañando maiores espazos no seo do BNG.

4- Para unha mellor actuación no labor que o MGS desenvolve no BNG, melloraremos a información saída tanto dos diferentes organismos nacionais (Executiva e Consello nacional), como dos organismos comarcais e locais, co fin de que esta sexa coñecida e avaliada polas estruturas da nosa organización, pola totalidade da militancia e polos compañeiros e compañeiras que simpatiza co noso proxecto.

Actuación do MGS nas organizacións sociais

1-O nacionalismo galego non pode deixar campos de actuación social sen cubrir. Debemos impulsar organizacións sociais baixo o principio da autoorganización, desde o rexeitamento da escisión entre o “social” e o “político”. Pularemos por ampliar o noso trabllo e participación en movementos sociais desde coordenadas soberanistas e de esquerdas. O MGS tratará esta cuestión en profundidade na súa I Asamblea Nacional, de cara a perfilar estratexias coherentes.

2-O MGS afirma que a dispersión e o fracionamento representan unha debilidade para avanzar cara a unha confrontación maior co sistema. En particular, apostamos porque as diferentes organizacións do nacionalismo partillen unha estratexia común para somar esforzos en prol da liberación nacional e a transformación da sociedade, desde o estrito respeito á independencia real de cada unha.

3- O MGS considera que a CIG, como proxecto nacional e de clase, é a alternativa do nacionalismo galego ao reformismo sindical. En especial, consideramos que a maioría sindical é unha necesidade estratéxica que consolida a central como un proxecto plural do nacionalismo no mundo do traballo, garantindo o carácter nacional, de clase e combativo da organización.

4- Sen renunciar á presenza nas institucións, non só útil senón imprescindíbel, priorizaremos un movemento social e de base. O traballo institucional debe estar condicionado á superación da xestión pola transformación.