Pablo Crespo recibiu ás gargalladas o resultado eleitoral do 1 de marzo. Desde o cárcere, ufanábase ante o seu avogado da nula incidencia da trama de corrupción organizada por el mesmo. Ríase da vitoria eleitoral do PP, e ríase de todos aqueles aos que considera tan parvos como para votar a un partido que saben corrompido. Alegrábase como tantas veces terán feito outros insignes representantes dese partido, como o ex-conselleiro Cuíña cando labrou un emporio empresarial a conta dos cartos públicos, ou como o ex ministro Álvarez Cascos –tamén involucrado neste caso, por outra parte- cando recibiu unha “medalla de Galiza” pola súa proveitosa xestión da catástrofe do Prestige.

Anteriormente, o organizador desta podre maquinación preguntaralle ao seu avogado cando prescribían os delitos de financiación irregular, e aclarara que a información extraída da súa caixa de seguridade de Pontevedra “vai traer cola” e montar “un lío morrocotudo”. Despois comezamos a albiscar algo deste “lío”, ao coñecer que o PP de Galicia pagara á trama Gürtel 3.224.826 euros en diñeiro negro, entre o 96 e o 99, que afectaron á campaña autonómica de 1997, a terceira que gañou Fraga, e ás municipais dous anos despois.

Crespo non ocupara un cargo menor no PP de Galicia, senón que foi Secretario de Organización entre 1996 e 1999; en conversa coa súa muller, explicou que lle entregara a Fraga unha copia das contas, de xeito que o ex presidente da Xunta non debería, na súa opinión, facer “comentarios por aí”, e moito menos pretender que non sabía nada. Tamén Carlos Negreira (ex presidente de Portos de Galicia que tivo a Crespo de vogal) e Rafael Louzán (presidente da Deputación que contratou a unha empresa da trama) aparecen involucrados, e trátase dos máximos responsabeis do PP nas “provincias” da Coruña e Pontevedra.

O PP galego non tomou unha soa medida disciplinaria, nin ofreceu unha soa explicación, nin anunciou a súa colaboración coa xustiza para investigar ata onde chega esta trama que afecta á formación por toda a parte, alí onde tivese responsabilidades gubernativas, e polo tanto cartos. Non é que mexen por nós, é que nos rouban. E non nos din que chove, é aínda peor: pídennos o voto, e rinse de nós. Ás gargalladas.

Ligazóns:
Posicionamento do BNG