arredista2Durante as mobilizacións convocadas pola CIG no primeiro de maio difundimos o segundo número do “Arredista!”, a revista editada pola nosa organización. En 24 páxinas tratamos diferentes temas como a situación da loita de clases no noso país, a defensa dos espazos públicos, a ofensiva contra a nosa lingua, o emprego xuvenil, a solidariedade con Cuba ou unha entrevista a unha militante de LAB, entre outros asuntos.

A seguir, reproducimos a editorial do Arredista! nº2:

A contracorrente de actitudes tristemente frecuentes na esquerda e no nacionalismo, as dificuldades do contexto social e político no que nos movemos non nos levan a instalarnos no derrotismo nin a cuestionarnos a viabilidade ou a lexitimidade dos nosos obxectivos. Ao contrario: a ofensiva da direita españolista instalada na Xunta ou a situación de crise económica que vivimos, contemplámolas non só como perigos evidentes que enfrontar, mais tamén como oportunidades para xerar dinámicas que comecen a mudar a correlación de forzas no noso país. O nacionalismo sempre avanzou en ambientes hostís, pero só o fixo cando tivo ben definido o seu perfil, as suas ideas e a coerencia das súas alternativas.

O modelo de acción política que nós defendemos ten a organización e a mobilización social como piares fundamentais. Por iso pensamos que é preciso seguir a dinamizar as loitas: a resistencia ás privatizacións, as batallas sindicais en defensa do emprego con dereitos e por una saída digna á crise ou o combate ao Decreto antigalego son todas elas loitas que non só contribúen a tecer un futuro mais digno para o noso pobo, senón que axudan a concienciar e organizar mais sectores de cara á transformación da sociedade.

Mais para iso compren ferramentas políticas que den resposta clara a estas necesidades. Por esa razón seguimos a construir no seo do BNG unha organización que defenda con coerencia os intereses da clase traballadora, que é a que pode transformar esta sociedade.

O Encontro Nacional do MGS -que celebramos o pasado xaneiro- supuxo un importante avanzo nesta andaina, mellorando o noso funcionamento e asentándonos como alternativa críbel. Seguimos a consolidar a nosa estrutura nos últimos meses dotándonos dun local nacional e coa constitución da Asemblea da Costa da Morte, e a previsión de facermos o propio noutras comarcas.

Camiñamos a modo, mais con paso firme e decidido e sobre todo -como dixera Eduardo Galeano-deixando o pesimismo para tempos mellores.

Podes consultar integramente a revista ou descargala:

Ver a pantalla completa

Descargar en pdf