Arredor dun milleiro de persoas denunciaron a manipulación informativa contra Cuba e a súa revolución nas rúas de Compostela. A convocatoria da Asociación Francisco Villamil, secundada por ducias de organizacións -entre elas o BNG, o Movemento Galego ao Socialismo e Isca!-, serviu para expresar na rúa a solidariedade galega co pobo cubano, empeñado na construción do socialismo contra todas as dificultades. Así, a convocatoria acadou un notábel respaldo fundamentado exclusivamente na difusión das organizacións convocantes, dado o apagón informativo ante un chamamento que partía da crítica á información organizada e transmitida ao ditado do capital, capaz de retorcer a realidade ata converter Cuba nunha ditadura cruel cuxa poboación debería envexar os dereitos e liberdades que Europa e Estados Unidos ofrecen ao resto do mundo.

manicuba1

A manifestación partía despois das 12:30 polo percorrido habitual das mobilizacións que percorren a capital, da Alameda ata o Hórreo e a zona vella, entre berros de apoio á revolución, contra a intoxicación informativa -en especial a do Grupo Prisa- ou pola liberdade dos cinco prisioneiros cubanos encarcerados nos Estados Unidos. Unha grande bandeira cubana abría a marcha, seguida duha faixa co exacto lema “Defender a revolución cubana é defender os dereitos humanos”, e ducias de faixas dun abano plural de organización políticas, sociais, sindicais e xuvenís, bandeiras galegas, cubanas e comunistas.

manicuba2

O Movemento Galego ao Socialismo e Isca! participaron cunha faixa conxunta na que se expresaba o apoio permanente a Cuba e á Revolución, e repartiron exemplares das súas follas axitativas, Máis Alá! e Rebater, respectivamente. Diversos cargos do BNG asistiron tamén á mobilización, mentres a súa organización xuvenil, Galiza Nova, adería con faixa propia en discurso en favor do nacionalismo como movemento antitético ao imperialismo.

manicuba3

Integrantes da directiva da Asociación Francisco Villamil deron lectura ao Manifesto unitario na Praza do Toral, onde rematou a manifestación. As organizacións adheridas sinalan o duplo raseiro dos medios de comunicación ocidentais, que criminalizan a Cuba -sen casos de tortura física, asasinatos por razóns políticas ou desaparecidos- mentres amparan graves violacións de dereitos humanos en Europa, ou critican a súa política penitenciaria mentres toleran a prática sistemática da tortura en Estados Unidos, entre outros exemplos. Máis alá das comparacións, útiles para desvelar o cinismo que subxace, remarcáronse os numerosos logros sociais, educativos e sanitarios da Revolución, e o dereito de Cuba a decidir libremente sobre o seu sistema social e económico, sen inxerencias nin chantaxes.

Pola nosa parte, reiteramos o noso apoio e compromiso coa Revolución e cos seus valores, auténtica inspiración de todos movementos que loitamos por un futuro de nacións libres sen explotación de clase, pese a quen pesar.

manicuba4