O luns 12 de abril tivo lugar en Lugo o xuizo contra tres estudantes polos feitos ocorridos durante unha mobilización estudantil na que a policía interviu brutalmente. A nosa organización solidarizouse con eles e chamou a participar na concentración de protesta por medio da seguinte nota de prensa:

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS), organización da esquerda soberanista integrada no Bloque Nacionalista Galego, respalda a convocatoria de concentración feita polos Comités diante dos Xulgados de Lugo para mañá, día 12 de abril. Quer con este comunicado amosar a súa solidariedade cos tres estudantes encausados pola mobilización contra a suba das taxas e a aplicación do Plano Boloña da Universidade que tivo lugar en novembro de 2008.

Denunciamos publicamente a brutalidade exercida pola Policía, desatando unha violencia inxustificada que provocou que varios dos estudantes que participaron na mobilización tiveran que recibir asistencia médica.

Por outra banda, as identificacións e retencións de varios mozos ao remate da manifestación tamén resulta unha estratexia represiva dirixida a amedrentar e desmobilizar ao estudantado e englóbanse nunha actuación desmedida que non ten outra lóxica que a meramente represiva dos movementos sociais, coherente coa que se vén desenvolvendo por parte da Delegación do Goberno en Galiza en varios conflitos laborais e sociais que tiveron lugar os últimos meses, coma a mobilización contra o porto deportivo no Salgueirón en Cangas, a Folga do Metal, a loita dos veciños de Figueirido contra a amplicación da base militar ou a mobilización contra a privatización dos servizos de emerxencias na Coruña ou, xa nun contexto máis próximo, as sancións que se teñen efectuado contra varios militantes de Galiza Nova por realizaren un acto de protesta contra as agresións á lingua na entrega dos Premios Aresa na Facultade de Veterinaria.

Esta política aplicada polo Goberno do Estado dista moito de ser unha liña de actuación que apoie as reivindicacións da clase traballadora e dos movementos populares, senón máis ben unha política represiva e reaccionaria propia dun goberno da dereita máis rancia.

O Movemento Galego ao Socialismo quer mandar unha aperta revolucionaria e patriótica aos tres compañeiros que van ser xulgados en Lugo e transferirlles ánimo perante o proceso ao que se enfrontan, facendo ademais un chamamento a toda a base social do nacionalismo para secundar a concentración e asistir ao xuízo coma mostra de apoio aos estudantes encausados.