8M: cal é hoxe a axenda feminista?

A vía institucional é, foi e semella que seguirá a ser, o camiño que o sistema abre ao feminismo. Resultou demoledor nos oitenta coa incorporación de cadros do feminismo ás institucións descabezando parte dos movementos sociais ou, peor, dando excesiva voz aos sectores menos transformadores do mesmo. Agora, como forma de combater esa forza que se presentou imparábel e que impulsou a millóns de mulleres no mundo o 8 de marzo, o sistema emprega o debate institucional como rego polo que transitar na axenda feminista, reducindo a impugnación do sistema a un debate de cifras que, en ningún caso, vai saír fóra do control do propio sistema.

Ximena González

Tras as masivas mobilizacións do 8 de marzo e a resposta á sentenza infame da violación de San Fermín 2017 coñecido como caso de La Manada chegan as primeiras diverxencias na axenda feminista após o 8M. Coñecendo o movemento feminista non era difícil prognosticar que en canto se entrase nas diferentes materias da axenda as estratexias acabarían impondo intereses e prioridades diferentes. É, desde hai douscentos anos, a realidade diaria do movemento feminista.

1. UNIDADE CON AXENDA MÚLTIPLE. A chamada á unidade funciona cando a axenda e múltiple, é decir, cando coloca enriba da mesa un calendario e unha táboa reivindicativa abondo extensa como para atopar puntos de encontro que acotío traballan en axendas paralelas. Sábeno as feministas organizadas e descoñéceo quen acaba de chegar ao feminismo organizado. Será tamén unha das aprendizaxes posteriores a este masivo 8M.

Na Galiza é claro, mentres os feminismos autónomos centran o seu traballo en dar resposta ás denuncias das violencias machistas que trouxo o empoderamento do 8M no seo da esquerda política, os movementos sociais ou os contextos laborais, os grupos vencellados ás axendas estatais viran cara unha axenda institucional centrada na presión aos partidos políticos.

Diferentes, mais non excluíntes, ambas realidades conviven dende moito antes do 8M, son dous camiños coñecidos para o movemento organizado que non teñen dado poucas dores de cabeza para establecer axendas comúns alén das datas de reivindicación internacionais ou a expresión máis bárbara da violencia machista: os asasinatos. Mais nunca antes tanta xente ollaba cara esta axenda política das mulleres feministas con interese.

2. ESPAZOS DE UNIÓN CONTRA AS VIOLENCIAS. Dende hai uns anos, e froito dunha denuncia pública colectiva das feministas dunha agresión machista en Compostela, trabállase na Galiza nun protocolo para a prevención e abordaxe das violencias machistas nos movementos sociais. Os traballos, pausados e exhaustivos, traerán nos próximos meses un encontro de reflexión e debate á axenda de moitas mulleres pertencentes a diversos espazos e proxectos feministas.

No último mes houbo outra denuncia pública dunha agresión no seo do movemento xuvenil, apoiada nun momento político no que as redes e o apoio ás mulleres agredidas consegue crear espazos de seguranza para elas. Este caso, tamén vivido no ámbito de Compostela, ten centrado os esforzos do feminismo autónomo na organización de asembleas e espazos seguros para a denuncia e a resposta fronte a este tipo de violencias.

Tres anos separan unha denuncia da outra, e o máis recente vén retomar a axenda colectiva iniciada por aquel, que achegará ao conxunto do feminismo un documento sobre o que traballar e construír conxuntamente espazos de reflexión e acción sobre as violencias cotiás.

3. INSTITUCIÓNS/CONTRAPODER. A tensión institución/contrapoder mantén a súa total vixencia no feminismo após o 8M. A axenda extensa e multipolar que chamou á grave feminista fíxoo para impugnar o conxunto do sistema socioeconómico heteropatriarcal, e agora volta virar para un sector do feminismo nunha cuestión de presión ou lobby face os partidos políticos do sistema.

Exemplo paradigmático foron as mobilizacións do 16 de maio reclamando o cumprimento do Pacto de Estado, de escasa asistencia e proxección mediática na Galiza pois o feminismo autónomo non ten na súa axenda unha liña de reivindicacións institucional que negociar.

Tampouco serviu para repetir as mobilizacións da sentenza de La Manada, nin enmascarando as convocatorias eliminando a referencia ao Pacto de Estado e reclamando simplemente “Orzamentos = Compromiso” pois a dinámica estatal ten pouco a ver con como se coordina e mobiliza o feminismo galego. Apenas un cento de persoas na Coruña e un par de centos en Vigo amosaron que tampouco esa é unha axenda unitaria para o feminismo.

A destacar tamén o papel dos medios de comunicación no interese en centrar a axenda feminista na vía institucional, dando cobertura e relevancia a estas mobilizacións apenas secundadas por un sector do feminismo galego.

4. O REGO INSTITUCIONAL. A vía institucional é, foi e semella que seguirá a ser, o camiño que o sistema abre ao feminismo. Resultou demoledor nos oitenta coa incorporación de cadros do feminismo ás institucións descabezando parte dos movementos sociais ou, peor, dando excesiva voz aos sectores menos transformadores do mesmo. Agora, como forma de combater esa forza que se presentou imparábel e que impulsou a millóns de mulleres no mundo o 8 de marzo, o sistema emprega o debate institucional como rego polo que transitar na axenda feminista, reducindo a impugnación do sistema a un debate de cifras que, en ningún caso, vai saír fóra do control do propio sistema.

Onte mesmo os partidos do sistema expresaban as súa satisfacción por incorporar aos orzamentos da dereita que cuestionou o matrimonio de persoas do mesmo xénero ou o dereito das mulleres a decidir sobre os nosos corpos 35 veces menos orzamento que o destinado a defensa, nun Pacto de Estado que ademais inclúe medidas xa existentes nas leis que esa mesma dereita, e moita da esquerda, incumpren.

Falta saber que forza terá o feminismo que escolleu sentarse á mesa do sistema para debater no seu limitado marco político e se esa axenda acaba encontrando algunha alianza no feminismo autónomo. Hoxe non o parece.

5. A AXENDA ANTICAPITALISTA. Na Galiza o feminismo anticapitalista mantén o rumbo trazado antes do 8 de marzo, hoxe quizais con máis mulleres organizadas ou cerca de organizarse en algún dos colectivos que existen, e oxalá creando xa o xermolo de moitos máis.

A axenda semella inalterábel, construción de acordos e redes fortes que permitan afrontar novos retos e desafíos. Traballando desde a diversidade e cunha lentitude que quizais dende fóra desanime, mais que desde dentro impulsa e fortalece.

Aparentemente non hai convocatorias públicas colectivas próximas e o feminismo organizado continúa coas súas axendas, mais no día a día o feminismo crea proxectos e espazos de encontro e debate que xeran novas ideas e novas activistas.

O ciberactivismo feminista toma as redes como o feminismo tomou e toma os debates e conversas nos días posteriores ao 8 de marzo ou as mobilizacións da sentenza, mais cando os focos se apartan para mirar cara outro lado o feminismo segue medrando e organizándose na Galiza. No vindeiro mes será dando apoio ás reivindicacións LGBT, e xa se prepara a nivel local o 25 de novembro, Día Internacional Contra a violencia face as mulleres.

Cal é entón a axenda feminista? A mesma de sempre: transformar o mundo radicalmente. Que mudou entón após o 8M? Que hai máis mulleres organizadas, máis redes creadas e moita máis forza da que xa había para traballar como se fose posíbel facelo.

8M: Un encontro afortunado ou un desafío ao status quo?

Hoxe o feminismo que apunta a desmontar a estrutura que sustenta o sistema para reconstruila coa vida no centro das políticas, analiza con prudencia o éxito das mobilizacións pois é consciente do difícil que resulta transformar a sociedade e aos seus individuos e construír outras formas de relacionarnos. Cando os medios de comunicación do sistema difunden e apoian, como fixeron coa folga deste 8 de marzo, as alarmas permanecen accesas para evitar a instrumentalización ou desviación das propostas políticas. A euforia é pois, contida.

Ximena González

O feminismo emerxe como colosal significante colectivo capaz de aglutinar grandes masas e mobilizalas en torno non a unha reivindicación concreta senón a un programa político que procura mudalo todo.

Tras a enorme demostración de forza e organización do movemento feminista xorden nos poderes públicos e na sociedade dúas preguntas, por un lado hai quen sinala o relato colocado na opinión pública preguntando a quen se apela nos manifestos/declaracións e por outro buscando responder a que pasa tras un día histórico.

A confusión é comprensíbel pois non existe unha única reivindicación nin o conxunto delas apuntan nunha soa dirección ou solución. O feminismo lanzou un desafío político con poucos precedentes: dirixirse á sociedade, ao ámbito do persoal e íntimo e ás institucións a un tempo e desde diferentes voces e propostas. “Difusa”, “confusa”, “inintelixíbel”, “sen concreción” ou “peculiar” son só algúns dos adxectivos que se teñen dirixido á proposta política que os feminismos puxeron enriba da mesa na xornada do 8M, semella existir un acordo sobre o desconcerto ante tal cantidade de reivindicacións colocadas a un tempo na axenda pública. Mais é precisamente esta metodoloxía do movemento feminista a que permitiu o éxito das mobilizacións históricas que vivimos ao longo de todo o planeta.

Convocar unha folga de coidados, laboral e de consumo (sumando os paros estudantís) significou igualar en importancia e ampliar as demandas de tal xeito que mulleres moi diversas atopasen o seu espazo e reivindicacións nas que sentirse representadas. Así desde o feminismo máis radical até o máis “igualitarista” foron quen de establecer unha axenda común integradora na que todas as perspectivas tivesen cabida.

O éxito das mobilizacións como resultado desta metodoloxía é tan grande como a incógnita sobre como se desenvolverán no futuro tal amalgama de intereses encontrados. Que posicións conseguirán maior consenso no seo do movemento feminista, se a impugnación completa do sistema ou a aposta por mellorar as condicións de vida das mulleres dentro del poderán manter algún tipo de axenda coincidente no futuro e durante tempo.

Hoxe o feminismo que apunta a desmontar a estrutura que sustenta o sistema para reconstruila coa vida no centro das políticas, analiza con prudencia o éxito das mobilizacións pois é consciente do difícil que resulta transformar a sociedade e aos seus individuos e construír outras formas de relacionarnos. Cando os medios de comunicación do sistema difunden e apoian, como fixeron coa folga deste 8 de marzo, as alarmas permanecen accesas para evitar a instrumentalización ou desviación das propostas políticas. A euforia é pois, contida.

Mentres o feminismo que aposta todo á vía institucional pide mesas de negociación ou pactos de partidos para avanzar nos remendos do sistema confiado no modo de funcionamento do sistema; isto é, repartir certas vitorias sociais mentres non se cuestione o modelo económico no que se sustentan.

Así as cousas, aínda está por saber en que dirección nos levará a xornada histórica do 8 de marzo, se ficará para sempre na memoria como o día en que os feminismos foron quen de mobilizarse colectivamente deixando á marxe as súas discrepancias ou se o encontro é máis profundo e conseguirá consolidar un antes e un despois.

O debate que vén será do máis interesante.

Até a cona

Pretenderán que lle lavemos a cara en aras do consenso, pero non o imos facer. Seguiremos tensando a corda. Na institución e tamén na rúa, tanto con campañas propias como sumando nas accións colectivas do feminismo galego.

Noa Presas

Con independencia do que teñamos entre as pernas, as que vivimos o noso día a día como mulleres estamos fartas da situación de discriminación que nos rodea en todas as esferas das nosas vidas e de que quen ten maior capacidade de intervención, Xunta e Estado, sexan cómplices en lugar de parte activa na súa superación. E as feministas estamos particularmente fartas de que as datas que conseguimos consolidar na axenda coa nosa forza colectiva, como o 8 de marzo, estean absolutamente pervertidas polo ritualismo e a hipocrisía da igualdade aparente.

Foi a mexicana Marcela Lagarde quen acuñou a expresión velo da igualdade en referencia á falsa igualdade na que, con frecuencia, cremos vivir ou na que queren facernos crer que vivimos. Porén, na Galiza de hoxe calquera de nós experimenta as desigualdades que prolongan e agochan, unidos da man, sistema patriarcal e capitalismo. Unhas desigualdades que están normalizadas e ocultas baixo unha ficción de igualdade moi ben maquillada.

Porén, a nada que poñamos as lentes lilás para mirar ao redor, é evidente que, aínda recoñecendo todo o conquistado, queda moito por avanzar. Para facelo, é preciso romper coa corrección política do igualitarismo. Foi arredor desa necesidade como xurdiu a idea da campaña do BNG en resposta directa á actitude paternalista e consentidora da Xunta de Galiza. Queriamos unha resposta enxeñosa pero contundente que confrontara cun Partido Popular cuxas políticas perpetúan un statu quo que queremos romper. Porque como ben dixo Olalla Rodil daquela, o problema non é só a campaña, senón a forza política que a sustenta. Unha forza que non rectificou nin aceptou unha soa das críticas porque aínda non entenderon que non queremos que nos comparen con monumentos, senón compromisos reais. Non é falta de capacidade cognitiva, é unha actitude consciente e hai que quitarlles a carauta.

Como organización política tentamos priorizar na nosa axenda demandas para avanzar nunha Galiza mellor para as mulleres e seguiremos a facelo. Por iso Partido Popular e o señor Rueda están tan molestos. Porque saben que a campaña abriu oportunidades para falar dos nosos problemas e tamén das alternativas. Esta mesma semana, os seus colegas do Parlamento votaron en contra da proposta de crear unha unidade especifica, dependente de Xustiza, destinada a facer cumprir as leis e os acordos parlamentarios contra a violencia machista. Hai máis de un ano que impulsamos un Pacto Galego contra a violencia machista e non temos nin unha soa medida executada enriba da mesa. Iso si debera quitarlle o sono ao seu responsábel directo.

O que lle molesta ao Partido Popular é que a campaña do BNG quítalles a carauta e pon o acento, tirando de retranca, en que que eles contribúen a perpetuar esta desigualdade. Pretenderán que lle lavemos a cara en aras do consenso, pero non o imos facer. Seguiremos tensando a corda. Na institución e tamén na rúa, tanto con campañas propias como sumando nas accións colectivas do feminismo galego.

Vimos tamén nestes días como había medios de comunicación que recollían artigos escandalizados por usarmos a palabra cona. Curioso que sexa un sacrilexio maior empregar a palabra cona que oír ao presidente M. Rajoy dicir que non hai que meterse niso de que as mulleres cobramos menos que os homes. A nós escandalízannos outras cousas. Por exemplo, escandalízanos que se denuncie unha violación con penetración á semana e que, porén, aínda que para a lei galega si, para a estatal non sexa violencia machista. Escandalízanos pensar en todas as mulleres que o viven e non o denuncian. Escandalízanos que no noso país haxa un mapa do medo que dea conta de situacións de violencia e abusos. Escandalízanos que o 35% de contratos a mulleres duren menos dunha semana ou que sexamos nós quen ten que suplir co noso lombo o deterioro dos servizos básicos e renunciar á nosa vida para coidar doutras vidas. E así un longo etcétera atravesado tamén pola compoñente nacional e de clase.

Ademais, a lingua non é neutra, constrúe a realidade e reflexa as relacións de poder. As disciplinas de pragmática e da sociolingüística poden dar cumprida conta disto e a historia demostra como fomos nós non só as invisibilizadas, senón tamén encadradas nunha corrección e suavidade expresiva que se nos atribuía como inherente. Coa que está caendo, acaso non era hora de que soltaramos un exabrupto? Neste tempo, onde a nova misoxinia avanza camuflada, é hora de romper co velo da igualdade e dicirmos alto e claro que estamos até a cona. O importante é que a mensaxe se espalle e que este 8 de marzo imos facer historia, tamén desde Galiza, cunha folga internacional feminista. Temos motivos para sorrir.

 

8 de marzo: impulsemos a loita feminista contra o capital

Na maior parte do mundo o Paro Internacional de Mulleres exprésase desde posicións anticapitalistas -como na Galiza- e cuestiona non só os privilexios no actual sistema senón o propio sistema, traendo a primeira liña de loita cuestións centrais como a economía e o papel dos traballos invisíbeis que sustentan hoxe o capitalismo e que se sustentan na vida das mulleres.

 

 

Esta folga chama a construír alternativas económicas, políticas e sociais ao capitalismo desde unha óptica antipatriarcal, e faino cunha ferramenta de loita histórica do movemento obreiro adaptada ás análises do feminismo onde o traballo reprodutivo ou de reprodución da vida (saúde, crianza, coidados, alimentación) aflora á superficie e reclama o valor social que o fai imprescindíbel para a vida de todas.

8 de marzo de 1909. 129 traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova Iorque atrincheirábanse nas instalacións da fábrica durante unha folga para esixir a mellora das condicións laborais. Como resposta, o patrón provoca un incendio que remata coa vida das traballadoras. Un ano despois, durante a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague decídese, a proposta de Clara Zetkin, establecer o 8 de marzo como día internacional da muller en conmemoración deste acontecemento.

A que no inicio sería unha data de loita e demandas sociais das mulleres obreiras para acadar a igualdade, foi diluíndo o seu significado ao longo dos anos a través das políticas socialdemócratas e liberais, chegando a ser unha data celebrada polo gran capital á que se lle retira o cariz reivindicativo. Paralelamente, pasou o tempo sen que, alén dos logros acadados no campo socialista, a situación global das mulleres mellorase significativamente.

Ben entrados no século XXI e sendo as mulleres a metade da poboación mundial, a nosa loita segue a ser percibida como unha loita sectorial, de minorías, á que non se dá a importancia que realmente ten. Seguen vixentes preconceptos como que os traballos feminizados teñen menos valor que os realizados por homes. A división sexual do traballo no capitalismo coloca ás mulleres nunha posición subalterna e crea o falso dilema traballo produtivo – traballo reprodutivo asignando a través dos xéneros os roles sociais de mulleres e homes. Mais o feminismo marxista -que hoxe avanza nas súas posicións situando a folga como elemento central da loita feminista- ten analizado que o conflito é entre o capital e a vida, reivindicando a través da organización social obreira que traballo produtivo e reprodutivo perdan o sesgo de xénero e teñan o mesmo valor social, como paso imprescindíbel para eliminar a opresión de xénero das mulleres.

Son evidentes as discriminacións salariais, laborais, de conciliación no traballo produtivo e a invisibilidade do traballo reprodutivo da vida. As mulleres optamos sempre aos peores empregos, moitas veces a tempo parcial e cobrando salarios inferiores ao SMI. E é que desde a incorporación da muller ao mundo laboral, o sistema capitalista pulou porque o traballo feminino tivese como resultado exactamente o inverso á tendencia natural: en lugar de supor unha nova distribución do traballo que permitise a redución da xornada laboral e ao reforzamento da riqueza e o benestar da sociedade, a xornada laboral mantívose e aumentou a competencia, polo que diminuíron os salarios e medrou o enriquecemento da patronal proporcionalemente á pobreza entre traballadoras. Esta precarización das mulleres conduciunos, paralelamente, a unha menor implicación na loita, ben por non dispoñer da independencia económica suficiente para poder asumir a repercusión económica de folgas ou da perda do emprego, ben por non dispoñer do tempo suficiente no día a día para involucrarnos no traballo político ou sindical. As duplas ou triplas xornadas que asumimos as mulleres, tendo que ocuparnos do traballo do fogar e dos coidados, limitan o tempo e as forzas das que dispoñemos. Todo isto conforma un perfecto engrenaxe no que un dos sectores mais precarios da poboación, precisamente polas súas condición penosas de traballo, viña soportando sobre as súas costas o peso dos empregos mais ruíns e dos coidados que se desprezan e non se asumen dende os gobernos. E é que na familia tradicional a muller segue a representar ao proletariado.

Mentres tanto, e malia que non se trata dun problema sectorial senón que afecta a todo o espectro do proletariado, a desmobilización xeralizada, a caída do campo socialista e o retroceso ideolóxico que esta supuxo, provocaron o estancamento da situación. Desde o Movemento Galego ao Socialismo consideramos necesario que o conxunto da clase traballadora e revolucionaria tome conciencia, para ver o problema baixo o prisma do significado histórico da liberación da muller como parte indispensábel da superación desta sociedade e da fin da explotación do home polo home.

Neste senso o 8 de marzo de 2018 supón unha nova esperanza. A pesar do inmobilismo que se viña arrastrando, este ano retómase o aspecto combativo da súa orixe coa convocatoria da folga de mulleres. Nun escenario no que á precariedade e á desigualdade se suma unha agresividade social que comprende desde a cousificación até os feminicidios, e que fai do feito de ser muller un factor de risco, a situación tórnase crítica e desemboca no que se espera que sexa un punto de inflexión. Chegamos a esta folga con bo estado de ánimo após vitorias acadadas como a das traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra ou as traballadoras da limpeza en Euskal Herria que amosaron que a unidade e a resistencia na loita seguen a ser as únicas vías para a adquisición de dereitos.

Pero esta folga, alén de reclamar a igualdade laboral e unhas condicións máis xustas, é tamén unha vitoria das feministas marxistas, pois na maior parte do mundo o Paro Internacional de Mulleres exprésase desde posicións anticapitalistas -como na Galiza- e cuestiona non só os privilexios no actual sistema senón o propio sistema, traendo a primeira liña de loita cuestións centrais como a economía e o papel dos traballos invisíbeis que sustentan hoxe o capitalismo e que se sustentan na vida das mulleres. E, ademais, un triunfo sobre posicións burguesas que tamén hoxe acadan relevancia social dentro da loita feminista e que cómpre combater dende o seo do propio movemento feminista.

Esta folga chama a construír alternativas económicas, políticas e sociais ao capitalismo desde unha óptica antipatriarcal, e faino cunha ferramenta de loita histórica do movemento obreiro adaptada ás análises do feminismo onde o traballo reprodutivo ou de reprodución da vida (saúde, crianza, coidados, alimentación) aflora á superficie e reclama o valor social que o fai imprescindíbel para a vida de todas.

É responsabilidade revolucionaria colocar no centro esta loita e esta folga de mulleres, entendendo o avance do feminismo revolucionario como o avance do conxunto da clase obreira. Por iso, dende o MGS chamamos ás compañeiras a secundar a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo así como a asistir á manifestación nacional convocada o 4 de marzo en Vigo, e as convocatorias locais do 8M en cidades e vilas galegas e convidamos aos compañeiros a que nos acompañen en solidariedade e respecto.

#4MEuVouAVigo #8MEuParo

Folga para vivir. Folga para coidarnos: 8 razóns para á folga do 8 de Marzo

Somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.

Laura R. Pena

1. Para que non se converta nunha data cerimonial. Son diversas as versións sobre a orixe da celebración do 8 de marzo, mais todas teñen algo en común: no comezo do século XX, mulleres traballadoras toman conciencia da súa condición e rebélanse. Co paso do tempo, os poderes do sistema encargáronse de eliminar a reivindicación de clase nesta data e convertela nunha homenaxe case folclórica ás mulleres. Cada vez son máis frecuentes as institucións e os medios que celebran o día da muller deixando caer o apelido de “traballadora” que adoitaba ondear no nome desta efeméride reproducindo condutas patriarcais e esquecendo as reivindicacións que orixinaron o sinalamento da data. É necesario poñer en valor o significado orixinario da data nestes tempos nos que a alianza entre patriarcado e capital acada cotas disparatadas.

2. Polas que xa non berran. A violencia machista é unha lacra transnacional e transversal, que ameaza de xeito permanente á metade da poboación mundial, que non entende de clases sociais nin de nacionalidades aínda que lonxe de estar camiño de desaparecer, medra e retroaliméntase diariamente. As cifras do pasado ano avalan que unhas das nosas prioridades debe ser a de denunciar a violencia machista, desde a máis simbólica até a física, que se asenta nunha sociedade profundamente patriarcal.

3. Pola brecha salarial. Por máis que muden as condicións das traballadoras, as mulleres enfrontámonos ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade, maior temporalidade e maiores taxas de acoso sexual no traballo, uns salarios máis baixos nos sectores menos valorados, á maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas, ata cando estamos en postos directivos.

4. Por que non queremos ser valentes, queremos ser libres. Ou cando saímos de festa, ou cando vamos a traballar ou cando simplemente queremos ser persoas independentes á marxe de todo tipo de paternalismo. Non queremos ter medo pero o temos.
E acostumámonos a vivir así xestionándoo como unha peaxe por sentirnos libres. E cando o contamos somos unhas esaxeradas, unhas extremistas ou unhas mentireiras. Ou somos culpables, por ir soa, a esas horas, con esa roupa.

5. Porque somos invisibilizadas polo feito de ser mulleres, porque o patriarcado como sistema de dominación social exerce unha violencia simbólica que distorsiona a visión das mulleres, facendo invisíbeis as súas actividades e experiencias. A Historia ten unha débeda coas mulleres en canto ao recoñecemento aos seus logros en materia como a Ciencia a Arte a Literatura ou en calquera aspecto do ser humano. Algo que aínda é máis perceptíbel cando se trata de mulleres de vilas ou de aldeas consideradas como espazos marxinais dun territorio xa de por si periférico e colonizado.

6. Porque o noso corpo é un campo de batalla. O corpo feminino é obxecto de constante debate, cosificación e represión. As redes sociais censuran os nosos corpos e ata a medicina ignora enfermidades como a endometriosis, un nome estraño para unha enfermidade invisible e negada que só sufrimos as mulleres (e non poucas: máis de unha por cada dez). E en silencio, porque os síntomas considéranse vergoñentos e as nosas queixas histéricas. Un problema de saúde pública que atinxe ao 5% da poboación pero non se investiga nin se trata aínda que si temos fármacos para a disfunción eréctil, que afecta, ao 1% dos varóns. O noso corpo é obxecto de debate e de perxuizos pero négannos á palabra e aínda temos que reivindicar os nosos dereitos á información, á autonomía, a dispor dos nosos corpos como decidamos. Un territorio saqueado e sometidos ás violencias do poder.

7. Porque os nosos dereitos seguen a ser considerados unha amenza. O patriarcado xera diferentes estratexias e barreiras que sustenten os privilexios do varóns que aínda mermados, permanecen. Unha das estratexias máis recorrentes é o despretixio sistemático das feministas. Chamánnos amargadas, resentidas, feas, marimachos, victimistas, agresivas, descoidadas, desequilibradas, radicais, envexosas, paranoicas, desnaturalizadas… e agora tamén feminazis, un acrónimo formado polas palabras ‘feminista’ e ‘nazi’- relacionando de forma despectiva ao feminismo, unha ideoloxía que defende que as mulleres deben ter os mesmo dereitos dos homes, co nazismo, equiparando o dereito ao aborto das mulleres co Holocausto nazi.
Diferentes tácticas e palabras pero co obxectivo común de colocarnos nunha dinámica agresiva, nun plano equivalente ao do machismo mais reaccionario e violento buscando o desprestixio desde a confusión e a falacia, ridiculizando as nosas posturas para despoxalas de credibilidade.
Chámennos como nos chamen e parafraseando a Mary Wollstonecraft “as mulleres non queremos poder sobre os homes, queremos poder sobre nós mesmas”. Non queremos ser iguais que os homes, queremos ter as mesmas oportunidades.

8. Por todas. Pode que moitas mulleres experimenten a sorte de que lle sexa alleo estas e outras moitas razóns como habería para expoñer. Mulleres, brancas, en sociedades occidentais, cun nivel de vida confortábel poden sentirse satisfeitas e pensar que a igualdade xa está acadada. Pero este 8 de Marzo poden lembrarse das que viven baixo a opresión, ameazan e perigo extremo polo simple feito de nacer muller. Das nenas que son obrigadas a casarse con 12 anos e que son violadas sistematicamente co beneplácito da sociedade. Bebés asasinados por considerar que ter nacido nena é unha carga para a familia. Persoas ás que se lle nega a escolarización básica polo simple feito de ser muller. Mulleres apedradas por non querer seguir cos seus maridos. Mulleres ás que se lles amputa o clítoris. Mulleres escravizadas.
Por todas elas, ti que vives nunha sociedade onde aínda conservamos certos dereitos como o da folga sae á rúa e participa desta xornada reivindicativa para que non fique só en algo simbólico. Fagamos desta data unha xornada de aprendizaxe, de denuncia e de transformación que transcenda á propia data e que ao día seguinte, cando xa non sexa o día internacional de nada, persista e que as mudanza sexan así tanxíbeis.

Recuperemos discursos e espazos e demostremos a forza e capacidade de mobilización das mulleres galegas. Se as mulleres paramos, o mundo para!