Arredista! nº7, revista do MGS

Durante as mobilización da CIG no 1º de maio a militancia da organización distribuiu un novo número da nosa revista, “Arredista!”. Nesta ocasión, recollemos diversos temas de actualidade como é unha análise da recente folga xeral e a necesidade de incrementar a resposta aos ataques do capital; a situación do BNG; a nosa iminente Asemblea Nacional; a nacionalización da YPF; a situación e perspectivas do movemento feminista despois das mobilizacións do 8 de marzo, a demanda popular para a declaración do Monte Pindo como parque natural ou entrevistas con un representante da CIG na CRTVG ou co cámara detido na folga xeral, entre outros temas.

A seguir podes ler a editorial deste sétimo número da nosa revista:

Chegado o Primeiro de Maio, as mudanzas na situación social só fixeron agudizar a situación que viñamos sufrindo até este momento. O cambio do goberno do Estado, tras a maioría absoluta lograda polo PP, non supuxo máis que unha nova volta de parafuso de aplicación do programa do capital para que a crise que eles provocaron se salde coa desmontaxe do sistema de protección social e agresión sen precedentes ás condicións de vida das clases populares.

Unha das medidas foi a contrarreforma laboral máis profunda en décadas. Isto provocou unha nova folga xeral o 29M liderada na Galiza pola CIG, tanto na súa convocatoria marcando o día cos sindicatos vascos, como na súa dinamización, e que resultou de grande seguimento. Mais o ataque é xeneralizado e prosegue: enormes cortes na educación obrigatoria e universitaria, na sanidade pública, na atención a dependentes…Ademais, o Goberno galego acompaña e sométese a todas estas medidas, mostrando ademais da súa faciana neoliberal o carácter raquítico da autonomía de Galiza.

A nosa obriga é pois continuar a responder estes ataques e situalos na súa medida: alén da resposta sindical coa convocatoria dunha nova Folga Xeral para o mes de xuño, precisamos unha resposta política clara que sinale as únicas vías de solución para a nova crise do capitalismo: só de avanzar cara un sistema distinto, o socialismo, podemos asegurar os nosos dereitos, e a liberación social na Galiza só poderá vir no noso país de mans dadas coa liberación nacional e a loita pola soberanía.

Así, o MGS celebrará neste mes de Maio a súa Iª Asemblea Nacional cos obxectivos de reforzar e acelerar as mudanzas existentes na liña política no BNG que apostan novamente polo soberanismo, a esquerda e pola recuperación da acción social. O MGS traballará na consolidación dun espazo político que aglutine o soberanismo e o independentismo desde a esquerda combativa para consolidar esas mudanzas, desde a lealdade ao BNG e defendéndoo como a mellor ferramenta para conseguirmos a soberanía nacional e a xustiza social.

Consulta o Arredista! nº7

Descarga o Arredista! nº7 en pdf

Arredista! nº6, especial para a Asemblea Nacional do BNG

A nosa organización ven de editar o 6º número da nosa revista, desta volta con un número especial monográfico centrado na Asemblea Nacional do BNG, onde o distribuiremos masivamente entre a militancia da fronte. Asi, esta publicación aborda a nosa posición política perante este importante cónclave, recolle unha entrevista cos números 1 e 2 da nosa candidatura ao Consello Nacional (Rafa Vilar e Noa Presas), analiza criticamente o balbordo mediático que se propiciou arredor da Asemblea e finalmente recolle a composición íntegra da nosa candidatura, con unha breve reseña de cada unha das persoas que a integran.

Descarga en pdf

Consulta o Arredista! nº6

 

 

Quinto número da nosa revista “Arredista!”

Tanto no Festigal como na manifestación do BNG no Dia da Patria difundiuse o novo número da nosa revista, “Arredista!”, que é xa o quinto.

Desta volta analízase a situación do BNG ante a súa próxima Asemblea Nacional e as nosas propostas, o ataque aos servizos públicos, a acuicultura do salmón,  entrevístase ao dirixente da esquerda abertzale Tasio Erkizia e a Xabier Lago, membro da asociación cultural berciana Fala Ceibe, e tratanse temas de relevancia internacional como as eleccións en Portugal ou os 5 cubanos presos polo imperio.

A seguir reproducimos a editorial deste Arredista! nº5:

Celebramos o Día da Patria Galega do 2011 inseridos no mesmo contexto, máis agudizado, que o último ano. O grande capital e os gobernos ao seu servizo, tanto o PSOE no Estado como o PP na Xunta de Galiza proseguen a súa ofensiva cara os intereses das clases populares e as nacións sen Estado. Unha onda capitalista que abate outros países como Euskal Herria, onde os abertzales de esquerda están de parabens grazas á irrupción de Bildu nun panorama político falseado por anteriores  ilegalizacións. Ou tamén a periferia europea como Grecia, o país onde as tensións son mais fortes e con unha resistencia popular elevada e Portugal, recén saído dunha eleccións que levan de volta ao goberno a un outro partido tamén comprometido cos programas de axustamento decididos pola troika comunitaria.

Ás contrarreformas efectuadas no último ano (no mercado laboral e as pensións), que provocaron dúas folgas xerais no noso país, súmase unha última sobre a negociación colectiva, co fin declarado de enfraquecer a capacidade de presión do sindicalismo combativo e a centralización dos convenios colectivos. ademais a unha serie de ataques aos sevizos públicos: cortes na educación, privatizacións hospitalarias e de centros de saúde na sanidade, cortes nos servizos sociais…

As eleccións municipais do 22 de Maio deixaron para o BNG uns resultados decepcionantes, mais non catastróficos. O nacionalismo afronta agora un proceso de reflexión interna cara a celebración da nova Asemblea Nacional en outubro, onde deberá saír un BNG situado claramente no soberanismo e na esquerda, unido e combativo coa vaga españolista e neoliberal que asolaga o país.

O Movemento Galego ao Socialismo traballará nos próximos meses dentro do BNG no fortalecemento dun programa e unha acción claramente soberanistas e de compromiso coas clases populares, e en todos os espazos de traballo da nosa militancia actuaremos no combate frontal á ofensiva do capital no noso país: resistir na adversidade co optimismo da vontade, preparando tempos mellores.

 

Descarga en pdf

Consulta o Arredista! nº5

 

Cuarto número da nosa revista, “Arredista!”

O novo número da nosa revista, xa o cuarto, viu a luz coincidindo co 1º de maio, día internacional da clase traballadora. Este novo número, que foi distribuído fundamentalmente nas manifestacións convocadas pola CIG, trata desta volta diversos temas de actualidade: as eleccións municipais, unha análise de dous anos de goberno do PP na Xunta, a Lei de Familia, a situación do movemento estudantil, o proceso de paz en Euskal Herria, as revoltas árabes e o ataque a Libia, ou o “rescate” de Portugal.

Ademais, conta tamém con unha entrevista ao economista Xavier Vence sobre a privatización das caixas, e outra a Antón Castro sobre o nacemento da Liga Estudantil Galega.

A seguir podes ler a editorial:

A profunda crise en que o capital nos ten mergullado a pobos e clase traballadora está a eliminar calquera disimulo na xestión capitalista do mundo. Se no capitalismo tras a palabra democracia non se agocha máis que oligarquía, hoxe xa non hai marxe para a farsa: a total submisión e colisión de intereses dos gobernos dos Estados aos intereses do grande capital non é escondida, senón publicitada como condición imprescindíbel para “saírmos da crise”.

Esa mesma ausencia de democracia opera mediante o alienamento dos poderes dos Estados máis febles fronte ao Directorio europeo formado por Francia ou Alemaña: as soberanías dos pobos fronte ás institucións supraestatais como a UE, o FMI ou o BCE son unha das vítimas desta crise elixidas polos capitais transnacionais: calquera posíbel barreira aos seus designios ten que ser eliminada.

Só así se entende o que acontece: as reunións de ZP cos maiores empresarios do Estado ao día seguinte das reunións da UE é a fotografía impúdica do seu goberno. O goberno estatal do PSOE emprendeu o maior ataque aos traballadores en décadas: contrarreforma laboral, das pensións, da negociación colectiva… E unha Xunta de Galiza do PP só actuante para atacar o idioma, cortar dereitos sociais, desmontar as estruturas públicas e privatizar todo o posíbel. O mesmo podemos dicir da situación internacional, onde o imperialismo actúa sen piedade: a intervención en Libia pretende disciplinar os pobos árabes erguidos en Exipto ou Túnez contra os seus títeres.

Organizar a resposta é no que estamos empeñados no MGS. Responder onde os nosos dereitos son atacados: no mundo do traballo, estudantil e tamén no estritamente político. O sindicalismo nacionalista respondeu aos ataques à clase traballadora coa folga xeral convocada en solitario por 1ª vez pola CIG o 27 de Xaneiro, e mesmo respondendo a nivel estatal co sindicalismo de clase das nacións sen Estado. As eleccións municipais de Maio serán tamén unha boa oportunidade para intervir: votar ao BNG será a expresión da necesidade de ruptura e mudanza con este modelo social.


Descarga en pdf

Consulta aquí ao Arredista! nº 4

 

No Dia da Patria viu a luz o terceiro número da nosa revista, “Arredista!”

arredista2Tanto no Festigal como na manfestación nacional do BNG do 25 de xullo distribuiuse entre a militancia e base social do nacionalismo o terceiro número da revista do MGS, “Arredista!”. Nesta ocasión analizamos as causas da crise e como organizarmos a resposta, abordamos temas como a sentenza do estatut e a nosa resposta como independentistas, así como o ataque aos servizos sociais, a situación da Universidade galega, os debates feministas que tiveron lugar no encontro de Istambul ou os 200 anos da independencia das colonias españolas na América Latina. Ademais, entrevistamos un dirixente da organización comunista palestina FPLP, así como ao noso representante na Executiva Nacional do BNG, que fala sobre a actual situación da organización frontista e o noso papel nela.

Podes consultar integramente a revista ou descargala:

Ver a pantalla completa

Descargar en pdf