Contra a represión do Estado: todos os proxectos e todas as ideas. En defensa de Arnaldo Otegi

Consideramos da máxima importancia fortalecer a solidariedade e complicidade entre os distintos movementos que constrúen alternativas revolucionarias e de ruptura democrática pola independencia entre as distintas nacións sometidas á dominación do Estado español.r.

O MGS expresa a súa profunda solidariedade e cumplicidade coa coalición EH-Bildu, con Sortu e con Arnaldo Otegi, diante da decisión da Xunta Electoral de Gipuzkoa que nega o seu dereito a se candidatar ao posto de Lehendakari. Prolónganse así as medidas inxustas que xa tiveran como consecuencia un encarceramento de seis anos e medio, unicamente por realizar unha actividade política en clave independentista e a favor da resolución democrática do conflito basco.

Non nos amosamos sorprendidos por unha nova violación de dereitos fundamentais no Estado Español, particularmente dirixida de novo contra o independentismo, xa que só reafirma dúas teses nas que vimos insistindo desde a nosa fundación: que o actual marco xurídico-político é ilexítimo e inxusto, baseado na sucesión desde o réxime anterior e na opresión dos pobos, e que a vía de ruptura co sistema sitúase fundamentalmente nas loitas populares independentistas. O Estado Español non é democrático, e modula a súa actuación en función das súas necesidades, o que inclúe se é preciso a ilegalización de partidos, a persecución policial e xudicial de movementos políticos, sociais e populares, ou a instauración dunha nova lexislación punitiva e securitaria.

Ademais, consideramos da máxima importancia fortalecer a solidariedade e complicidade entre os distintos movementos que constrúen alternativas revolucionarias e de ruptura democrática pola independencia entre as distintas nacións sometidas á dominación do Estado español. Sabemos que virán novos episodios semellantes, nos que se contraporá a vontade dos pobos coa legalidade e arbitrariedade de Madrid, e precisaremos de toda a forza popular que poidamos acumular e organizar. Só vencen os pobos que loitan!