MGS adire á Proclama de Caracas

Véndose no espello de Venezuela, os pobos de América Latina, o Caribe e o mundo enteiro, non poden de ningunha maneira eludir a defensa de Venezuela, se consideran que o que ali se está a defender é o dereito a soberania, a independencia, a autodeterminación e a integración dos nosos pobos.

 

O Movemento Galego ao Socialismo xunto a outras organizacións sociais e políticas de Galiza facemos pública a nosa adhesión á “Proclama de Caracas” saída da Xornada Mundial Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana e comprometemos ao noso partido na súa defensa:

MANIFESTO CARACAS

Nós, representantes de organizacións políticas, sociais e relixiosas, de traballadores e traballadoras da arte, da literatura e o pensamento, chegados de 60 países a Caracas do 16 ao 19 de setembro de 2017 para celebrarmos a Xornada Mundial Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana, proclamamos a nosa resolta solidariedade co pobo e o goberno de Venezuela a vista das agresións do imperialismo norteamericano, que entremete a diario falsidades perniciosas contra a Patria Bolivariana. A expresión máis dramática destas insidias, é a violencia fascista desatada nos meses de abril e xuño deste ano, que roubou 115 vidas, deixou milleiros de feridos e estragos dos que se perde a conta, amais do desasosego e inquedanza causados a todo o pobo de Venezuela.

Arestora, o imperialismo norteamericano exerce a agresión política de xeito directo na persoa do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, quen a máis de ameazar co uso das forzas militares baixo o seu mando contra Venezuela, dirixe un cerco diplomático insólito dende a Organización de Estados Americanos (OEA) coa colaboración de algún goberno da área, no seu obxectivo de furar as bases da Democracia Bolivariana, no entanto oficializa a práctica xa establecida do bloqueo financeiro a medio dunha Orde Executiva “dirixida a afogar a economía de Venezuela”.

A agresión imperialista contra a Revolución Bolivariana é una patente violación da Proclama de América Latina e o Caribe como Zona de Paz, aprobada por todos os países da rexión durante o II Cúmio da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) celebrado na Habana en xaneiro de 2014, na que se defende o soberano dereito de cada país a definir o seu propio destino sen imposición de terceiros.

O goberno do presidente Donald Trump, xunto con voces ben coñecidas da oposición anti-nacionalista venezolana, executa un plano encamiñado a descompor as institucións do Estado, a medio de trampas que foron expostas a luz e denunciadas mercé unha decisión política de altura, baseada no pensamento filosófico do Comandante Hugo Chávez, lider histórico da Revolución Bolivariana, como foi a votación, instalación e posta en marcha da Asemblea Nacional Constituinte.

O pobo de Venezuela enceta coa Constituinte unha páxina histórica que consolida e afonda as bases do Estado social, democrático, de dereito e de xustiza, consagrado na Constitución Bolivariana do ano 1999; a maiores, con este texto, o pobo atinxe a paz, nunha transparente demostración do fracaso das forzas de extrema dereita que protagonizaron o terror da violéncia xeneralizada.

Nós, representantes de organizacións políticas, sociais e relixiosas, de traballadores e traballadoras da arte, da literatura e o pensamento, que asistimos a esta Xornada Mundial baixo o lema Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana, compartimos a trascendencia do diálogo politico promovido polo presidente Nicolás Maduro, de a pouco manifestada no encontro, celebrado na República Dominicana, entre os representantes do Goberno Bolivariano e os da chamada Mesa da Unidade Democrática, que compromete a todos os actores da oposición venezolana. O noso voto decidido pola proposta de diálogo adiantada polo Goberno Bolivariano.

En desacordo explícito co que está a manifestar a extrema dereita polo mundo adiante a traveso das transnacionais da desinformación, a axenda electoral e democrática de Venezuela honra con precisión o seu calendario. Nunhas semanas haberá comicios rexionais, mentres os municipais e presidenciais serán no 2018, igual que o referendo que debe sancionar o novo texto constitucional, en elaboración pola Asemblea Nacional Constituinte. Que pais do mundo pode expor unha práctica democrática de tal dimensión?

Eis a razón para condenarmos a falsidade ruín, as noticias mentireiras e a deformación da realidade venezolana coas que a diario buscan desacreditar a Revolución Bolivariana e o goberno lexítimo do Presidente Nicolás Maduro.

Queremos sumar o noso apoio ao esforzo que fan o Goberno e o pobo de Venezuela por superaren os problemas de importancia causados pola guerra económica que están a promover dende as mais altas esferas do goberno dos EUA.

A prol da paz, a soberania e a democracia bolivariana, comprometémonos a levar adiante unha amplia e permanente xornada de solidariedade en cada país, sobre a base de cadansúa organización política, social, relixiosa, democrática, de traballadores e traballadoras representados nesta xornada,

Véndose no espello de Venezuela, os pobos de América Latina, o Caribe e o mundo enteiro, non poden de ningunha maneira eludir a defensa de Venezuela, se consideran que o que ali se está a defender é o dereito a soberania, a independencia, a autodeterminación e a integración dos nosos pobos.

Parafraseando a José Martí, defendendo a independencia de Venezuela, librarémonos de que os EUA caia outra volta coa mesma saña sobre as nosas terras de América.

Caracas, 19 de setembro de 2017

Aí vén outro xuño: República Catalá, República Galega

Non avanzaremos só por afirmar reiteradamente que o Estado Español non é reformábel e que non queda máis opción que nos autodeterminar e constituír unha República Galega, mais si podemos reforzarnos se somos quen de acordarmos, no conxunto do movimento nacional e popular, un punto de partida e outro de chegada á vez amplos e úteis para aglutinar forzas nas circunstancias históricas actuais.

 

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) celebra a declaración de constitución da república catalá feita pública onte. Transmitimos o noso apoio, confianza e solidariedade a todo o pobo e ao movemento independentista catalán, nomeadamente ás organizacións e plataformas anticapitalistas e comunistas que del participan, á Candidatura d’Unitat Popular, a Poble Lliure e a Comunistes pel Sí. Saudamos e festexamos as moitas esperanzas que permite abrigar a nova situación, histórica e excepcional, aberta tras o 1 de outubro, e manifestamos a nosa confianza na súa culminación próxima na consolidación efectiva da nova república cuxo proceso constituínte foi iniciado onte.

Afirmamos como un principio crucial -e non só pola nosa condición de partido independentista, senón como comunistas- a tese que sostén que todos os pobos do mundo teñen o dereito de determinaren libremente a súa condición política para desenvolver a súa sociedade, economía e cultura, o que implica loxicamente a posibilidade de constituír un Estado independente. Nos últimos anos o pobo catalán apelou lexitimamente ao dereito de autodeterminación para constituír unha república soberana, alternativa que nas circunstancias históricas e concretas do Estado Español chega a revelarse como a única posibilidade de liberdade, xustiza e transformación social para os pobos a el amarrados pola forza.

As demandas autodeterministas canalizáronse nos Países Cataláns por vías diversas, desde a mobilización social até a participación electoral, así como en diversas iniciativas institucionais. A acción máis relevante e trascendental, que representou o exercicio efectivo do dereito de autodeterminación, foi o referendo convocado pola Generalitat e celebrado o 1 de outubro, no que se afirmou unha vontade popular favorábel á independencia a pesar do clima de coacción e intimidación que o envolveu, o que representou un innegábel golpe para o réxime e para o Estado, e tamén unha derrota particular do Executivo de Mariano Rajoy. A autodeterminación é actualmente unha realidade en crecemento e andamento, e a crise aberta para o Estado e o réxime tamén, mais o resultado depende do acerto das forzas sociais e políticas inmersas nesta confrontación democrática e soberanista.

O Estado non tivo máis resposta, ante todas e cada unha das iniciativas sociais, políticas, ou institucionais, que proclamar reiteradamente a súa indivisibilidade eterna, afirmada nunha Constitución ilexítima, esencialmente irreformábel, petrificada e contraditoria con outros acordos internacionais. Ademais desta afirmación de principio, que non se modificou en ningún momento, o Estado ameazou ao movemento independentista con todo tipo de recursos, que inclúen a utilización instrumental das forzas de seguridade e servizos de intelixencia, a demonización por medio de medios de comunicación dependentes e imbricados no sistema, a liberación e despregamento do arsenal fiscal e xudicial derivado dun entramado legal que non respeta nin nas apariencias o presunto principio de división de poderes, a violación das competencias autonómicas -entendidas como concesións recuperábeis e sometidas a intervención en calquera momento-, a anulación de varios dereitos e liberdades e a reinstauración da censura, a actuación impune de hordas e grupúsculos aberta e declaradamente fascistas, unha guerra económica incipiente anunciada pola gran burguesía, e finalmente a aplicación dun estado de excepción marcado pola violencia e a represión policial e paramilitar.

Onte, 10 de outubro, o goberno da Generalitat reafirmou ante o Parlamento catalán a súa vontade de aplicar os resultados do referéndum de autodeterminación e constituír unha República. Sen embargo, decidiu abrir un tempo de diálogo co goberno español, suspendendo temporalmente a efectividade da independencia. Con posterioridade, as deputadas e deputados independentistas asinaron unha declaración na que se comprometen a constituír a “República catalá como Estado independente e soberano, de dereito, democrático e social”, e que polo seu interese reproducimos traducida ao galego no documento anexo. Desde o MGS entendemos que este novo paso -táctico mais de enormes repercusións estratéxicas, aceptado maioritariamente mais sen contar inicialmente co apoio de todo o movemento independentista, nomeadamente da CUP- comporta determinadas ameazas e oportunidades.

O Estado Español tentará aproveitar esta nova conxuntura para proxectar unha imaxe de debilidade sobre as institucións e autoridades catalás -que demostraran, reforzadas pola mobilización popular, unha grande firmeza até a altura- e á vez percurar divisións no independentismo, que soubera priorizar obxectivos principais desde as evidentes diferencias entre sectores e forzas políticas. A apertura dun período de negociación non detén o combate pola autodeterminación nin anula o mandato popular, confirmado en referéndum, para proclamar unha república soberana e independente. Ao contrario, os contidos desta oferta de diálogo deberían cinguirse, de se producir, á aplicación deste mandato e á constitución dunha República, e realizarse nunhas condicións minimamente democráticas, que implican o inmediato desarmamento represivo, a fin das ameazas, o cese da persecución policial e xudicial, e a expulsión das forzas de ocupación desplegadas en Catalunya.

En calquera caso, esta oferta de negociación servirá fundamentalmente para pór de relevo, con maior evidencia e proxección internacional, o carácter antidemocrático que é clave de bóveda do réxime español. Non vai existir diálogo xa que o goberno español vaise negar a aceptalo para empregar novas ameazas ou medidas represivas, entre o acoso individualizado e selectivo contra líderes independentistas ou a aprobación de novas medidas de excepción ao amparo das leis de Seguridade Nacional ou do emblemático artigo 155 da Constitución. En calquera caso, a intensidade das medidas que adoptará o goberno de Madrid só depende dos seus propios cálculos e consideracións tácticas fronte ao movemento popular catalán, e da intención evidente de non lle proporcionar máis argumentos e factores de aglutinación, e non dunha inexistente vontade de acordo de ningún tipo. Se ben consideramos pertinente denunciar internacionalmente, e en todos os espazos posíbeis, que España nin respecta nin garante as aspiracións dos pobos por ela sometidos, tampouco acreditamos no papel mediador ou progresivo da Unión Europea neste conflito, dada a esencia imperialista, antipopular, neoliberal e antidemocrática desta institución.

Se ben a suspensión non fora socializada entre o conxunto do movemento nacional-popular catalán, que agardaba con lóxica impaciencia e expectación unha declaración de independencia actual e efectiva como mínimo na medida en que o permitía a actual correlación de forzas, a mobilización popular e a dialéctica aberta entre pobo e Estado non se vai deter neste período de tempo. Agardamos non só que esta mobilización continúe senón que se amplíe nas horas decisivas, vinculando tamén a aqueles sectores sociais participantes da folga xeral do 3 de outubro ou incorporados polas demandas democráticas estendidas no contexto da resposta á represión e persecución do Estado. Polo contrario, agardamos que en simultáneo ao período de diálogo, que non pode alongarse indefinidamente no tempo, comece xa un proceso constituínte popular dunha nova república, como única forma de chegar nun prazo breve a unha independencia con efecto real -que sempre terá que ser combatida e gañada contra o Estado- e así aproveitar unha oportunidade histórica para o pobo catalán e para o resto de pobos sometidos por España. Pola nosa parte, é da máxima importancia que galegas e galegos continuemos a desenvolver unha dinámica mobilizadora, tanto na Plataforma Galiza con Catalunya como en cada organización comprometida coa soberanía e a democracia, para aumentar a conciencia nacional do pobo galego e realizar a nosa modesta achega internacionalista á liberdade doutro pobo e á presión exercida contra o goberno español.

Por último, pensamos que é hora de actualizar as análises do soberanismo galego, e do conxunto do noso movemento popular, á nova situación do Estado aberta pola vía independentista a piques de se efectivizar na Catalunya. En contra de diversas formulacións até agora hexemónicas, que propoñían primeiro unha adaptación do Estado Español á plurinacionalidade desde o recoñecemento da soberanía, ou poñían nos últimos tempos en pé de igualdade e optatividade a alternativa confederal e a independentista, a realidade material e política demostra que a segunda é tanto a posíbel como a desexábel. Se ben é certo que non se acada ningún obxectivo de tal dificultade a partir da súa enunciación e repetición como mera consigna, tamén o é que é imposíbel acertar sen definir con corrección a fase política e articular unha estratexia coherente. Non avanzaremos só por afirmar reiteradamente que o Estado Español non é reformábel e que non queda máis opción que nos autodeterminar e constituír unha República Galega, mais si podemos reforzarnos se somos quen de acordarmos, no conxunto do movimento nacional e popular, un punto de partida e outro de chegada á vez amplos e úteis para aglutinar forzas nas circunstancias históricas actuais de crise do Estado, ruptura democrática e constitución dunha nova república.

O soberanismo galego debe acadar un nivel superior de expansión social, mobilización e confrontación co Estado, desde unha posición de combate simultáneo ao poder autonómico detentado polo PP. Se o dilema está entre ruptura e restauración, e non entre reforma -constitucional ou doutro tipo- e continuidade do status quo, se a situación política e as circunstancias que determinan a fase mudaron tan radicalmente, non podemos continuar a actuar como en períodos anteriores: precisamos incorporar novos códigos, non só para o ámbito interno e declarativo senón integrados na actuación política e social; debemos reformular a gramática do nacionalismo, incorporando palabras e sintagmas como desobediencia, resistencia, proceso constituínte, unilateralidade e vontade popular; necesitamos reorientar parcialmente a nosa estratexia, profundizando en dinámicas xa iniciadas que inciden na afirmación popular e social e relativizan a actividade institucional e as disensións, debates, consensos ou oferta para acadalos que son propios desta esfera e as súas normas particulares, utilizando todas as ferramentas ao noso alcance, mais sen acatar nunca as regras e límites que impoñen aqueles que nos explotan. Debemos pór toda a nosa forza en andamento, para crear unha nova fronte ao réxime e impedir a súa restauración,, coa súa inevitábel escalada de centralización, autoritarismo e medidas antipopulares.

 

Comisión Permanente do MGS
Galiza, 11 de outubro de 2017

Ou República Galega ou nada

Felipe VI liga o seu discurso e a súa figura ao goberno de Mariano Rajoy, e a súa sorte debería ser tamén a mesma. Mais ao tempo revela e confirma tamén que non nos atopamos nunha encrucillada política na que abondaría, como pretenden os sectores reformistas, cunha mera substitución na Presidencia do Goberno e no partido que acapara as principais institucións españolas.

 

O Movemento Galego ao Socialismo presenta as seguintes consideracións de urxencia ante os últimos acontecementos:

O referendo celebrado o pasado 1 de outubro na Catalunya representou unha das maiores vitorias populares, democráticas e antiimperialistas das últimas décadas en Europa, con poucos precedentes, e contribúe enormemente ao avanzo . A actuación do goberno español -que repetidamente anunciara por medio do seu presidente, da súa vicepresidenta e do ministro de Interior que nunca se celebraría un referendo de autodeterminación- oscilou entre o ridículo e a violencia nacida da impotencia e a necesidade premente de enviar unha mensaxe de forza para parte da súa base social. Mais o certo é que despois de enviar milleiros de policías, de perseguir penalmente a dirixentes e cargos independentistas, de coordinar as mensaxes e ameazas de toda caste dos medios de comunicación españois, ás 8 da mañá existían urnas, papeletas e censo en todos os colexios electorais de Catalunya, abertos en moitos casos desde dous días antes, e millóns de persoas agardaban para poder exercer a autodeterminación. Nin sequera a represión do Estado Español ao longo do día, nomeadamente ao longo da mañá, dirixida contra milleiros de cidadáns desarmados que se dirixían a votar, tivo un efecto significativo na votación, na que participaran máis de dous millóns de persoas, e en cambio tivo un custe para o goberno español, tanto na Catalunya e no resto do pobos sometidos ao Estado, como no ámbito europeo e mundial. 

A intervención do Rei parece unha declaración de guerra contra o pobo catalán e as súas institucións que revela a crise profunda do Estado. A Xefatura do Estado -cuxo carácter antidemocrático e ilexítimo de orixe, determinado pola vontade do ditador e os acordos entre franquistas e unha oposición domesticada, é tan obvio que non paga a pena nin extenderse- optou por unha alternativa desesperada que fai palidecer e mesmo ridiculiza a alternativa política que reclamaba o referendo pactado como solución viábel neste momento histórico. Polo contrario, o monarca só anuncia novas medidas represivas e coercitivas nas próximas datas, nas que previsibelmente o Parlamento e o Govern catalán desenvolverán a clarísima vontade popular e declararán a República Catalana, e entre as que non podemos descartar a represión directa contra as e os dirixentes independentistas, a suspensión ou intervención da autonomía catalá por medios legais ou ilegais, directos ou indirectos, a “guerra suxa” que prolongue dinámicas como a da Operación Catalunya, o estado de sitio ou de excepción. 

Felipe VI amparou persoalmente a violencia desplegada contra a poboación e as mensaxes centrais do goberno, que queren mentir sistematicamente sobre a realidade para presentar as demandas independentistas como unha desviación desquiciada duns poucos dirixentes autonomizados do pobo catalán, en vez dunha demanda popular de amplísimo respaldo que non pode atopar acomodo nunha Constitución ilexítima e petrificada, e nunhas institucións españolas de descentralización só aparente, nas que o goberno central mantén todo o control con escasos controis formais ou democráticos, incluido o poder xudicial e a actuación fiscal.

Felipe VI liga o seu discurso e a súa figura ao goberno de Mariano Rajoy, e a súa sorte debería ser tamén a mesma: a destitución e superación por medio dun proceso popular e desobediente que nos sitúe nun novo marco político respetuoso cos dereitos dos pobos e baseado no poder popular. Mais ao tempo revela e confirma tamén que non nos atopamos nunha encrucillada política na que abondaría, como pretenden os sectores reformistas, cunha mera substitución na Presidencia do Goberno e no partido que acapara as principais institucións españolas. Cada momento, cada novo acontecemento desvela para máis pobo o miolo autoritario, antipopular e represivo deste réxime, que só representa ameaza, tiranía e ruína para a maioría. 

En consecuencia, para acadar a liberdade e unha alternativa real é preciso superar definitivamente o Estado Español, a monarquía e a dependencia, por medio da constitución de repúblicas soberanas. É imprescindíbel que galegas e galegos continuemos a manifestar a nosa solidariedade cos Países Cataláns, e tamén que reforcemos todas as nosas organizacións populares, soberanistas e democráticas, para abrir unha nova fronte contra o Estado, con máis forza da que os inimigos da liberdade poden sospeitar a día de hoxe. Se eles turran tan forte por alí e nós puxamos máis forte por aquí, seguro que a estaca cae e poderemos por fin liberarnos. A República ou nada, non temos máis alternativas.

Galiza, 4 de outubro de 2017.

Comisión Permanente do Movemento Galego ao Socialismo.

 

A liberdade toma partido: independencia para Catalunya

Nós tamén esiximos o exercicio deste dereito que pon en cuestión, coa forza fundamental que proporciona a vontade popular, a clave de bóveda que sustenta o actual réxime español, a súa negativa a recoñecer a existencia de distintas nacións e os seus consecuentes dereitos.

 

O referendo do 1 de outubro representa un ponto de inflexión, non só para a historia dos Países Cataláns, senón para a evolución histórica, política e económica de todo o Estado e mesmo implica previsíbeis repercusións en ámbitos máis amplos, nomeadamente no da Unión Europea. Trátase dunha revolución nacional democrática baseada na ruptura democrática que non só representa un acontecemento fundamental para cataláns e catalás, senón tamén para o noso pobo, cheo de esperanzas mais tamén de ameazas.

O MGS recoñece a existencia dos Países Cataláns como unha nación oprimida polos Estados dominantes, español e francés, e á vez composta de rexións e entidades políticas diferenciadas, con distintos niveis de conciencia e a consecuente diversidade política. En Catalunya, onde foi maior o desplegamento do movemento nacional e popular -e inversamente foi menor a incidencia desnacionalizadora do Estado ocupante- unha maioría do pobo reclama desde hai varios anos o seu dereito democrático a constituír un novo Estado, unha nova república. Nós tamén esiximos o exercicio deste dereito que pon en cuestión, coa forza fundamental que proporciona a vontade popular, a clave de bóveda que sustenta o actual réxime español, a súa negativa a recoñecer a existencia de distintas nacións e os seus consecuentes dereitos. Estes dereitos non se limitan ao ámbito cultural ou a un recoñecemento nominal da existencia de nacións, senón que se extenden á política, en particular ao dereito de autodeterminación e a posibilidade de estas nacións constituíren Estados independentes.

O proceso de constitución dunha nova República desencadearía automaticamente un efecto en cadea que abre moitas outras oportunidades para os pobos e a clase traballadora: representa un golpe de grande importancia para o Estado e a súa burguesía, do que dificilmente se recuperará en circunstancias semellantes ás actuais; ao se afirmar por medio dun proceso constituínte novo e democrático, populariza o carácter ilexítimo da actual Constitución e do sistema político español, baseado nunha reforma pactada e negociada nos límites marcados polos sectores franquistas; tamén pon de manifesto o carácter da democracia mínima e tutelada que derivou deste proceso, coa pervivencia da monarquía e unha descentralización máis aparente que real, como demostra a posibilidade de o goberno central limitar ou anular a autonomía existente ou recuperar materias xestionadas polos executivos autonómicos.

Este proceso constituínte situaría ás clases populares catalás en disposición de atinxir novos obxectivos inmediatos en relación coas consecuencias da pertenza á Unión Europea, a nacionalización da banca e de amplos sectores da economía, a política monetaria, os dereitos laborais e sociais, a despatriarcalización, a participación popular, a soberanía lingüística e cultural ou a defensa do territorio entre outros asuntos. Independentemente do resultado final deste proceso, dependente da correlación de forzas e da súa habilidade táctica e intervención estratéxica, é evidente que a extensión do independentismo xa tendeu a debilitar as posicións liberais e reforzar as de esquerda, e o desenvolvemento dun proceso constituínte axudará a reforzar unha conciencia popular favorábel á liberdade e á xustiza social, con lóxicas repercusións no resto de pobos sometidos ao Estado Español, nomeadamente no galego.

Non obstante, o principal obstáculo a calquera destes obxectivos é a actuación, permanentemente antidemocrática e imperialista, do Estado español, que coordina ou anima todas as medidas da súa ofensiva xudicial, policial, política ou mediática. Se ben noutro contexto sería entendíbel unha negociación entre un novo Estado e aquel do que se libera, en ausencia de condicións democráticas mínimas a vía unilateral é tan necesaria como plenamente lexítima: do contrario, concederíamos ao Estado opresor unha capacidade de veto e de bloqueo que se extendería infinitamente, independente en todo momento da vontade popular. Neste sentido, non é certo que “falte política” para acadar unha solución á actual coxuntura, como defenden as distintas forzas reformistas españolas, que no fondo prefiguran unha falsa alternativa, unha suposta e imposíbel reforma do Estado de carácter federal ou confederal. O envío masivo de milleiros de axentes das forzas de seguridade do Estado, a utilización permanente e instrumental do Tribunal Constitucional e da Fiscalía como brazos armados do goberno, os procesos culminados, abertos ou por abrir de dirixentes políticos e electos, as restricións de dereitos e liberdades fundamentais, a confiscación de carteis ou a clausura de páxinas webs, son tamén política: a política do goberno español por outros medios, que nos insire nun camiño de maior represión e autoritarismo. Celebramos a masiva mobilización popular catalá en defensa da independencia, da democracia e do referendum, con numerosas expresións entre as que salienta a convocatoria dunha folga xeral para o vindeiro 3 de outubro, e chamamos a unir a esta resposta a forza e voz do noso pobo.

Dadas estas condicións, é da máxima importancia que os movementos e organizacións populares galegas planifiquemos unha intervención de repercusión social, masiva e activa, para exercer solidariedade internacionalista e á vez defender os nosos intereses propios, que pasan pola superación deste Estado. O MGS promove e participa na plataforma Galiza con Catalunya, como principal expresión unitaria deste obxectivo. Debemos reforzar a mobilización popular, profundizar na loita ideolóxica, afortalar as nosas organizacións e intervir con toda a nosa forza e capacidade neste momento histórico, con decisións e actuacións á altura das circunstancias.

Como conclusión, queremos sinalar que o camiño de acceso á liberdade, no actual contexto e circunstancias, é a constitución de repúblicas soberanas nas distintas nacións sometidas ao Estado Español por medio da impugnación do seu marco xurídico-político, a mobilización popular e a desobediencia. Esta tese, que debe centrar a estratexia do soberanismo galego, atopa na dinámica política real, cada día e cada hora, novas premisas nas que se sustentar.

Paso a paso, independencia e socialismo

Para o soberanismo galego ábrense oportunidades neste ciclo, aproveitando a relativa mellora da percepción social que atravesa o soberanismo a nível político. A falta de alternativas críbeis ás organizacións sistémicas xeran oportunidades que, de non seren aproveitadas, non redundarán na mellora das posicións políticas nacionalistas. É momento de apresentármonos como unha forza política e social que ten propostas concretas, tácticas e estratéxicas, que son substancialmente diferenciadas do resto de forzas políticas, sen ideas e submisas ás axendas que marcan as súas respectivas direccións estatais. Remarcar o perfil propio das propostas soberanistas axudará a facernos ver como a única alternativa á situación de devalo e destrución económica, social, ambiental ou demográfica que vive Galiza.

Ademais, o debate soberanista no Estado estará nun punto álxido neste ciclo debido ao proceso independentista que se vive en Cataluña: o soberanismo ten que aproveitar para dar un debate en chave galega, que combine por un lado a defensa do dereito democrático a decidir das nacións frente a un Estado autoritario e o apoio á súa independencia, e por outro sinalar as melloras concretas que se derivarían de acadarmos a soberanía no noso país.

Sabendo que a situación e conxuntura de cada país é moi diferente, o repto é non só a asunción das propostas concretas e razoábeis que o nacionalismo pon sobre a mesa, mais incardinar esas propostas no programa global de transformación que defende o soberanismo, de forma que pasemos a gañar a hexemonía ideolóxica na sociedade, avanzando de sermos unha minoría, aínda que significativa, a sermos maioría. Dada a correlación de forzas no país que impide polo de agora a xeración de propostas de avanzos de calado partilladas con outros actores, é nesa acentuación do perfil propio que debemos apostar.

Para lograrmos eses avanzos, precisamos actuar en diversas frontes, tanto sectoriais, de coordenación, como de tipo de traballo. Por un lado, é preciso estreitarmos a colaboración xa existente nalgúns campos entre todas as entidades e organizacións que partillan o obxectivo da soberanía nacional e formalizala, de forma que poidamos, desde o respecto á autonomía de cada quen e de forma horizontal, partillar análises e deseñar actuacións en común.

En concreto, é fundamental aproveitar colectivamente a forza do sindicalismo nacionalista: se a soberanía é a ferramenta para vivermos mellor, a consecuencia inmediata é que o foco fundamental do soberanismo, tamén a nível político, debe estar na clase traballadora e clases populares e as súas condicións materiais de existencia, algo que se debe reflectir nas súas propostas, campañas, actuacións e discurso — que non poden ser maioritariamente asépticas desde a óptica de clase.

A difusión das nosas propostas e a presión social que só pode darnos a mobilización e activación da nosa base social é imprescindíbel. Ese vector fundamental ten que ir acompañado sempre dunha actuación a nivel institucional que reforce esas dinámicas, desde o nível local até o nacional. Neses espazos é fundamental mantermos á vez unha xestión exemplar, transparente e transformadora co confronto, legal e simbólico, cos corsés estatais impostos ao noso país: desde o financiamento local e as regras do défice até a imposición da bandeira española, a figura do xefe do Estado e o seu exército. É momento ademais para, por fin, reforzarmos a coordenación dos espazos locais onde a nosa presenza institucional é maior cunha axenda nacional, de forma que iniciativas exitosas a nivel local non fiquen como casos isolados e pontuais, estendendo ao conxunto do país esas propostas, o que dará máis potencia e visibilidade ás nosas actuacións.

A focaxe de todas estas iniciativas non pode ser, pois, unicamente segmentaria e sen ligazón: a simple colocación de demandas puntuais, unha tras outra, por moi adecuadas ou socialmente sentidas que sexan cada unha delas non xerará aumento ningún da conciencia nacional se ficaren á marxe dun contexto global dentro dunha explicación estrutural das causas da dependencia ou se os males son atribuídos apenas á deficiente ou nula actuación do goberno que en cada momento ocupar a Xunta ou o Estado. É o modelo autonómico que nega a soberanía e a nosa capacidade de dispor de instrumentos para mudarmos a realidade dentro do sistema capitalista a razón fundamental que subxace baixo estes problemas, e cómpre non só analizalo, como tamén espallalo.

É tan preciso non enunciar no baleiro a necesidade da soberanía, de forma que se percibise como unha demanda abstracta, e mostrar os aspectos concretos en que substancia esa necesidade, como conectar esas demandas puntuais coa reivindicación global, de forma que non poda ser subsumida polo sistema sen provocar contradicións. O marco xeral de actuación onde se insiren todas as demandas debe ser, pois, a necesidade da ruptura democrática en todas as ordes, e non só mudanzas parciais, necesarias, mais que poden ser revertidas ou diminuídas nun marco sistémico que non controlamos.

A denuncia das deficiencias que apresentan as redes de transporte en Galiza, for por estrada, camiños de ferro, conexións portuarias ou aéreas non pode verse desligada das limitacións legais impostas ao noso país para proceder ao ordenamento destas cuestións. Neste caso, como noutros, haberá que remarcar que estas limitacións proveñen de Madrid, dun deseño e duns intereses alleos que privilexian conexións exteriores, ordenacións estatais que nos prexudican e beneficios empresariais considerados a curto prazo, e non as necesidades das galegas e galegos, e que polo tanto só superando o actual marco legal poden ser definitivamente resoltos.

A cuestión enerxética non pode ser desligada igualmente da necesidade da propriedade, xestión e control público galego das súas infraestruturas, da súa ordenación e explotación, unha en maos estatais e outras en maos de capital transnacional, de forma que necesidades como a xestión hídrica, eléctrica e enerxética respondan a criterios públicos como servizos básicos e universais, de sustentabilidade ecolóxica, etcétera.

As loitas pola manutención e ampliación dos servizos de sanidade, educación, pensións, servizos sociais, etc. non poden ser desligadas da necesidade dunha facenda soberana, e de igual forma as reivindicacións laborais teñen que ter presente a necesidade dun marco galego de relacións laborais soberano que garanta o dereito a un traballo digno, onde toda a lexislación de aplicación sexa decidida aquí e non en Madrid.

No ámbito da lingua precisamos facer patente a falta efectiva de dereitos individuais e colectivos para vivirmos en galego de forma exixente e masiva, desde o ensino até o sector servizos, así como nos postos de traballo, resultado non só das prohibicións da Xunta de Galiza, a cativa lexislación galega, e da ruptura dunha anterior suposta “pax lingüística” que tamén condenaba o galego ao devalo. A situación é tamén resultado dun ordenamento constitucional que sitúa os idiomas que non son o español nunha situación de puro voluntarismo e falta de necesidade de uso, nunha “suboficialidade” que impide resolver o conflito lingüístico — que sempre existiu — de forma favorábel ao galego.

Todas estas cuestións teñen que ter o seu reflexo equilibrado no discurso público da organización política e do conxunto do soberanismo, combinando as explicacións concretas coa alternativa xeral, de forma que a demanda da soberanía estea presente de forma constante no discurso político: é necesario que a extracción pública das conclusións e consecuencias das demandas inmediatas non estea escurecida, desaparecida ou fique á vontade das persoas que fan a transmisión pública das alternativas do nacionalismo, aplicando no seu conxunto as directrices que emanan do aprobado de forma colectiva dos organismos e asembleas.

Nun momento en que a sociedade vive de forma intensa as consecuencias da actual crise sistémica, onde o desemprego e a precariedade configuran o día a día da maior parte dos galegos e galegas, cunha ideoloxía imperante que fomenta o individualismo e o “sálvese quen puder”, a criación e activación de tecido popular a todos os níveis desde o asociacionismo de base é unha tarefa urxente dos soberanistas: a participación e o impulso de iniciativas sociais en todos os campos, cunha perspectiva nacional e popular, do máis local até o nacional e o internacionalismo axudará ao aumento de conciencia e á referencialidade dos militantes e base social nacionalista.

Só desde unha actuación constante e firme no cultural, no lingüístico, na defensa e ampliación dos servizos públicos, da clase traballadora en cada conflito, do territorio frente ás agresións,  seremos quen de socializar e visualizar ese proxecto propio e diferenciado dunha Galiza dona de si e socialmente xusta. Ademais, isto contribuirá ao necesario aumento da militancia e base social soberanista, e á formación, promoción e relevo de cadros políticos, cuestión imprescindíbel para afrontarmos con garantías todas as tarefas que requer un movemento social e político como o noso, que procura unha transformación completa da realidade social, para o que se precisa ter continxentes aínda mais amplos dispostos ao activismo e á actividade política.

Todas estas iniciativas, tanto propostas e campañas das organizacións como actuacións institucionais servirán pois á “pedagoxia” soberanista imprescindíbel: as demandas e a práctica mostrarán á sociedade que a forma de avanzarmos na mellora das condicións de vida é através da vía soberanista, avanzando paso a paso cara unha República Galega independente no camiño do socialismo.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo chamamos a participar na manifestación nacional convocada polo BNG no Día da Patria, e que sairá ás 12h da Alameda de Compostela.