“Máis alá!” nº13: “Lingua proletaria do meu pobo”
Un novo número da nosa folla informativa foi distribuído na grande manifestación de Queremos Galego en defensa da lingua, o 27 de xaneiro en Compostela. A seguir podes consultar o seu texto:
O galego, lingua proletaria do meu pobo
As palabras de Celso Emilio Ferreiro son a constatación dobre de que o noso idioma é do pobo, por unha parte, e, por outra, que conserva as súas condicións sociais, incluída a de clase. Porque houbo un tempo, non hai tanto, en que a lingua funcionou como un marcador social: o galego era para as campesiñas, para os mariñeiros, para os obreiros e as obreiras, para quen traballaba nos pequenos comercios por conta allea; e no que o español era para a burguesía comercial e administrativa que, pola súa posición dominante, xamais tivo a necesidade de se expresar na lingua popular como tampouco nunca sente a obriga de se misturar coa clase que explota. A lingua era daquela unha evidencia sonora da posición social e do papel a xogar na sociedade por cada quen.
Hoxe, en troca, o idioma xa non é marcador social: o retroceso alarmante no seu uso non se debe a un acaso. Ao contrario, débese a unha política moi claramente definida que ten a ver coa exixencia de que o idioma, aquel marcador que outrora nos definía e nos irmandaba, se vaia diluíndo de maneira inexorábel e sen facer moito ruído. Só así se explica que o seu retroceso social se acelere precisamente cando os poderes políticos que actúan no noso país comezan, polo menos sobre o papel, a potencialo: cando se varre a prohibición do uso, cando se inclúe no currículo escolar, cando se comeza a facer política lingüística e se estabelece como obxectivo o plano de normalización. Trinta anos despois, que temos? Temos a tristeza de ver como as crianzas das nosas vilas, fillas igualmente da clase que traballa, interiorizan o español como lingua vehicular das súas vidas en liña coa inmensa presión social que as leva por ese camiño e con unha oferta cultural propia que, mediatizada pola administración pública, se constrúe deliberadamente de modo pouco atractivo. Oporse a iso, manter a lingua viva e activa é tamén un marcador, agora político: significa que a nación continúa e que hai a vontade certa de manter e enriquecer a expresión máis clara da súa identidade diferenciada.
Por iso a contestación social e as propostas culturais populares no noso país se expresaron sempre na nosa lingua nacional, a miúdo vinculadas coas exixencias políticas de clase e polo recoñecemento do noso feito diferencial: aí están, como mostra, o riquísimo agromar de asociacións veciñais, culturais e deportivas que se deu entre as décadas de 1980 e 1990; ou a aparición e difusión do nacionalismo organizado, do sindicalismo propio, e da constelación de movementos sociais que abranguen todos os ámbitos posíbeis e que converteron o idioma non só en código de comunicación entre iguais, como tamén en símbolo da reclamación e a exixencia sociais. Unha asociación que ten permanecido até os nosos días, malia a relaxación que algúns movementos recentes teñen amparado ao respeito, sen repararen no que isto comporta.
A teima dos gobernos do Partido Popular en desactivar os movementos populares, que lle son, por definición, opostos, pasa tamén por desactivar progresivamente a lingua en que se expresan e destruír a ideia de que a lingua galega é a lingua propia das reivindicacións populares de xustiza. Por iso o goberno de Feijóo rompeu o consenso tímido sobre a lingua, expresado no plano de normalización linguística, e, recentemente, deu un salto cualitativo servíndose do inglés e dun complexo de inferioridade calculadamente promovido, co fin tan ben expresado polo ministro español de educación: españolizar as nacións dentro do Estado español. Por iso se ten proposto promover a criazón cultural en lingua española, considerándoa tan galega como a galega e descartando publicamente o recoñecemento da lingua propia. Por iso tamén deu carta de normalidade a un movemento supremacista disfrazado baixo o nome de Galicia Bilingüe e premia aqueles sectores mais retrógrados da dereita que defenden barbaridades como La Coruña, Riveira, etc, a través dos gobernos municipais.
Frente a isto, o surximento de movementos transversais como Queremos Galego non é unha casualidade. Porque defender o galego non é só defender un feito específico da nosa cultura inmaterial, senón defender os valores comunicativos que historicamente ten ofrecido aos movementos sociais e políticos. Teñamos claro, polo tanto, que a reclusión da lingua a un uso ritualizado e a vontade de desactivar os movementos de contestación social son dúas caras dunha mesma moeda. E combatamos ambas para non desaparecer.
“Máis alá!” nº12, a folla informativa do MGS na folga xeral do 14-N
Miles de exemplares da nosa folla informativa “Máis Alá!” foron distribuídos novamente nas masivas mobilizacións da folga xeral do 14 de novembro. En dúas páxinas, analizamos os numerosos motivos para sair a rúa así como a necesidade de ligar as loitas de resistencia contra os ataques do capital coa necesidade da superación do sistema capitalista.
“Máis alá!” nº11, folla informativa do MGS para as eleccións galegas.
Co comezo da campaña eleitoral, desde o MGS quixemos difundir por medio dun novo número nosa folla informativa a nosa postura perante as eleccións galegas do 21 de outubro, isto é, o noso chamamento decidido a apoiar as candidaturas do BNG, as candidaturas do nacionalismo de esquerda como única garantía para avanzar no camiño dunha Galiza soberana e socialmente xusta.
“Máis alá!” nº10, folla informativa do MGS
Tanto durante a manifestación patriótica convocada polo BNG neste Día da Patria como durante o Festigal, foron distribuídos miles de exemplares dun novo número da nosa folla informativa, “Máis Alá!”. Desta volta, o artigo principal aborda a vixencia da nosa alternativa socialista frente á crise do sistema. A publicación complétase con un artigo de presentación do noso partido, que recolle os trazos fundamentais da nosa definición ideolóxica e os principais acordos da nosa recente Asemblea Nacional.