A 44 anos do seu asasinato. Moncho Reboiras, na memoria e na acción.

Lucía Freire chamou a atención sobre as prioridades de reforzar a organización e concienciación da clase traballadora, en combate coa ideoloxía dominante. 

O militante revolucionario, o comunista e independentista, o cadro político, o organizador sindical, o activista cultural… Cada 12 de agosto o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! lembran non só a figura de Moncho Reboiras, asasinado nos estertores do franquismo cando aínda comezaba a articular o movemento nacional popular, senón a vixencia das súas ideas e das nosas necesidades, as de construír as ferramentas organizativas e ideolóxicas coas que nos liberar.

Polo MGS tomou a palabra Lucía Freire, membro da MN do partido e da Executiva Confederal da CIG, quen realizou unha valoración da actual situación política, chamando a atención sobre as prioridades de reforzar a organización e concienciación da clase traballadora, en combate coa ideoloxía dominante. Fixo fincapé no estreito contacto coas masas que se realiza dentro do sindicalismo nacionalista e de clase, se ben chamou a atención sobre a necesidade de redobrar os esforzos formativos para que este non se limite á resolución dos conflitos. Entre outros aspectos, tamén sinalou o avanzo, aínda insuficiente, da participación das mulleres no movemento nacional popular.

Interveu tamén Nemésio Barxa, avogado que nos anos 70 defendeu as distintas represaliadas da UPG e doutras organizacións. Nun discurso ateigado de referencias emotivas, lembrou as dificuldades existentes nos primeiros momentos para coñecer as circunstancias do asasinato de Reboiras, dada a práctica de ocultación e manipulación policial e xudicial do tardofranquismo e tamén da Transición. De feito, explicou que acadou o acceso á información no transcurso dun proceso aberto contra Francisco Carballo, que fora xulgado por escribir que Reboiras fora asasinado. Barxa argumentara que precisaba da información para poder atender ao seu defendido, quen tamén intervira nesta mesma homenaxe en 2013. Barxa enmarcou o asasinato de Reboiras dentro das características estruturais do réxime franquista, o terror e a desmemoria, contra as que se erguían mozos como Reboiras, desde o ámbito estudantil, o traballo na fábrica ou o cultural, e notou que o Moncho representaba unha figura excepcional, non só pola súa enerxía, amor ao país, ao seu pobo e a súa lingua, senón porque a súa actividade puido atinxir todos estes campos.

Participaron tamén Xoán Bautista, do BNG de Dodro, e José Rodríguez, por Isca!. O primeiro reflexionou sobre o traballo político que hoxe pode desenvolver o nacionalismo, como legado de actuacións comprometidas e mesmo heroicas no pasado. O segundo  chamou a atención sobre o inmenso traballo desenvolvido por Reboiras nos seus 25 anos de vida, e sinalou a complexa situación material na que se atopa a mocidade galega na actualidade, necesitada de alternativas profundas e de organizacións que defendan os seus intereses e aspiracións, desde o estudantil até o mundo do traballo.

A homenaxe incluíu tamén a actuación musical do grupo Raiba!, que ofreceu unha adaptación exclusiva do seu repertorio ao formato acústico e estreou tamén un tema especificamente dedicado a Moncho Reboiras. O acto concluíu cos dous himnos que identifican ao comunismo galego, a Internacional e o Himno Nacional, e coa entrega dunha coroa de flores na tumba de Reboiras.

Podes ver aquí a galería fotográfica.

2017: Moncho Reboiras presente!

Élia Lago: “A vida de Moncho foi truncada aos vinte e cinco anos, mas, rebelde até o último segundo, sachou, abonou e sementou para que hoxe estexamos aquí lembrándoo e loitando con convencimento todos os días das nosas vidas”

Como cada ano desde a súa fundación, o Movemento Galego ao Socialismo celebrou este 12 de agosto, 42º cabodano do asasinato de Moncho Reboiras pola policía española, unha homenaxe a Moncho Reboiras, militante exemplar da causa da liberación nacional e social de Galiza. Fíxoo, máis unha vez, misturando o necesario exercicio da reivindicación cunha dose de celebración da memoria e confraternización entre os máis dun cento de asistentes, moitos deles veciños e veciñas de Moncho Reboiras e da súa familia e tamén xente procedente doutras comarcas do país que quixeron participar nunha xornada que medra ano a ano.  

O acto, conducido por Ximena González, iniciou coas palabras de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG no concello de Dodro, a que pertence Imo. Mariño centrouse na necesidade de continuarmos colectivamente a loita da que tamén Moncho Reboiras facía parte: a loita por superar un sistema capitalista que nos oprime e que ten, no caso particular de Galiza, unha fasquía extractivista e colonial que nos aferrolla dobremente. A continuación foi a quenda de Élia Lago, membro da Mesa Nacional do MGS e de Isca!, que reflexionou sobre a necesaria identificación entre as nosas circunstancias e aquelas nas que viviu Moncho Reboiras, sobre o significado intenso do compromiso militante, até as últimas consecuencias, e sobre os retos para un futuro libre e socialista. Pola súa parte, Ramiro Oubiña, histórico militante sindical, centrou a súa intervención en pór de relevo a importancia de Reboiras na creación do primeiro sindicato galego — o SOG — en medio aos estertores do franquismo, e  comparou a situación daquela altura coa actual, evidenciando a farsa da chamada “transición” e o inmenso traballo que aínda fica por facer, caracterizando a autonomía e o estado do ben estar como ferramentas do capital destinadas a desinchar as apostas revolucionarias e independentistas en períodos longos e pondo de relevo que apenas a militancia real e diaria nas causas da soberanía e do socialismo pode conducir a avanzos reais. 

Este ano, as intervencións políticas e de homenaxe estiveron intercaladas polos temas cargados de sentimento social e reivindicativo do cantautor galego Roberto Sobrado, que deron paso á ofrenda floral acompañada polo canto dos himnos da Patria e da Internacional, que fecharon o acto.  Sen embargo, como vén sendo habitual, unha boa parte das asistentes continuaron a xornada nunha carballeira próxima na que o MGS realiza un xantar aberto de convivio e confraternización co que dá por rematado o curso político.

Este ano, como os anteriores, a homenaxe a Moncho Reboiras en Imo foi precedida dunha intensa campaña de axitación con centro na figura de Reboiras e que, como o ano pasado, baixo o lema “Moncho Reboiras Vive!”, cubriu a maior parte do país e, en particular, as comarcas do Barbanza e Compostela.

Podes acceder á galería completa de GzFoto clicando aquí.

12 de agosto: memoria e loita na homenaxe a Moncho Reboiras

Noa Presas animou tamén a militancia independentista e socialista a perseverar no traballo político en todos os campos, como fixera Reboiras, incluído o campo eleitoral, onde a Fronte patriótica e de esquerdas afronta un importante repto neste outono.

Como todos os anos desde a súa constitución, o MGS lembrou a Moncho Reboiras, nesta ocasión no 41º aniversario do asasinato do militante pola independencia e o socialismo. Máis dun cento de persoas participaron na Homenaxe Nacional que se celebrou no cemiterio de Imo, recordando que a súa loita está viva nos militantes que seguen os ideais que inspiraron a súa vida.

O acto iniciou con Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro, facendo un apelo a continuarmos loitando polos obxectivos de Reboiras, tamèn desde o labor que desenvolven os e as concelleiras nacionalistas ao longo do país, centrándose na problemática de Dodro. A seguir, en nome da Mesa Nacional de Isca! dixiriunos unhas palabras Dani Barral, que recordou como Reboiras encarnou o “compromiso nacional-popular na súa loita contra a ditadura franquista”, e que hoxe a mocidade galega ainda “no horizonte incerto que nos brindam a opresión capitalista, a precariedade, o aumento da represión policial ou a brutal recentralización españolizadora” non renuncia á alegria e o vigor da xuventude revolucionaria.

A continuación, desfrutamos da actuación musical do cantautor galego Tino Baz, que acompañado de guitarra e sanfoña, interpretou varios temas de contido social e de compromiso co país, dando paso despois á intervención de Lois Ríos, unha das persoas que acompañaba a Reboiras o 12 de Agosto de 1975. Ríos fixo un paralelismo a nivel social, cultural e lingüístico entre a situación de emerxencia social e nacional do final da ditadura cos tempos actuais, reflexionando sobre as falacias do capitalismo, onde se coloca os empresarios como emprendedores que xeran emprego e se tacha a clase obreira de preguiceira e subvencionada. 

A última intervención política, en nome da Mesa Nacional do MGS, correu a cargo de Noa Presas, que iniciou afirmando que, a pesar da intensidade deste último ano político, non ocorreron mudanzas significativas e que, portanto, tal como analisamos no ano 2015, as supostas forzas do cambio non serven para realizar modificacións a fondo que transformen a realidade galega na liña da liberación. Animou tamén a militancia independentista e socialista a perseverar no traballo político en todos os campos, como fixera Reboiras, incluído o campo eleitoral, onde a Fronte patriótica e de esquerdas afronta un importante repto neste outono.

Após a entrega dunha ofrenda floral, a Internacional e o himno da nosa nación pecharon o acto. Despois deste, boa parte das persoas asistentes participaron do xantar de confraternización que se desenvolveu na carballeira situada ao seu carón, así como un roteiro onde se visitararon os petroglifos de Bouza Abadín, situados nas proximidades.

A homenaxe foi precedida dunha campaña de axitación que levou a lembranza de Reboiras a diversas comarcas do país, con especial intensidade ao Barbanza e Compostela, coa colada de numerosos cartaces e o despregamento de faixas. Tamén se repintou por terceira vez un mural de cinco metros de altura coa imaxe de Reboiras, que fora elaborado nos anos pasados e despois destruído por dúas veces, e que se encontra nas inmediacións do cemiterio de Imo.

Podes ver aquí a galería fotográfica completa elaborada por GzFoto