O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) participou na Asemblea Nacional extraordinaria do BNG, do pasado 10 de maio, desde a necesidade da articulación dun polo soberanista e de esquerdas, que impulsase un cambio de rumbo na organización, tal e como se recollía no Manifesto “Máis Alá! Por un cambio de rumbo no nacionalismo galego”, que déramos a coñecer no mes de marzo.

Candidatura e emendas propias

Con ese obxectivo, e nun contexto tan complicado para nós como o dunha asemblea nacional por delegación, o MGS decidiu traballar para garantir unha presenza digna na asemblea e, consecuentemente, explorou as posibilidades por todo o país de cara a garantir o maior número de delegados/as posíbeis, partido da premisa de que naquelas comarcas onde fose posíbel montar unha candidatura propia así se fixese. Finalmente, isto só se puido concretar na comarca de Compostela, a través da candidatura Máis Alá, nucleada por membros do MGS e da organización xuvenil Isca!

Ao mesmo tempo, elaborouse unha batería de emendas ao “texto oficial”, texto aprobado pola até o de agora maioría gobernante do BNG, isto é, a UPG e o chamado quintanismo. Estas emendas incidían en aspectos como o da participación aberta nas asembleas nacionais, a recuperación das posicións de esquerdas do BNG e do perfil nidiamente soberanista, unha nova relación cos movementos sociais…

Estratexia a seguir na asemblea

Pasada a primeira parte do proceso asemblear, a Xestora Nacional do MGS debateu a estratexia a seguir de cara á xestión da Asemblea nacional en si, e acordou a presentación dunha candidatura propia ao Consello Nacional do BNG, que levaría o nome Máis Alá! e na que nos primeiros postos figuraban os compañeiros Rafa Villar e Noa Presas. Nesa altura, fíxose unha estimación dos apoios posíbeis á nosa candidatura, que o desenvolvemento da asemblea deu en ratificar. Contaríamos con pouco máis do 3% do voto, o que nos daría de facto unha representación de 2 membros no Consello Nacional. Igualmente, entendíase que cumpría, pola nosa parte, facer unha defensa expresa na asemblea daquelas emendas nosas que pasaran nas Comarcas para o seu debate, así como posicionarse como grupo a respecto daqueloutras emendas que fosen de certo calado, deixando liberdade de voto sobre as que non fose necesario un posicionamento claro como MGS. A respecto do conxunto do documento, tomamos a decisión de, en previsión de que as nosas emendas non fosen aceptadas (como así aconteceu), votar en contra do conxunto do “texto oficial” sometido a debate.

Así mesmo, fíxose unha valoración acerca das outras tres candidaturas presentadas, a da Alternativa pola Unidade (APU, promovida pola UPG e con Guillerme Vázquez como candidato a portavoz nacional), a de +BNG (auspiciada polo “quintanismo” e con Aymerich á cabeza) e a nucleada polo Encontro Irmandiño, con Beiras como principal expoñente. Partindo do que significaba cada unha delas para o futuro do BNG como organización, e dos discursos que estas sensibilidades estaban a lanzar publicamente, decidimos facer unha avaliación previa dos escenarios que se podían dar despois da votación das candidaturas ao Consello Nacional. Resultaba obvio que nós non poderiamos presentar candidatura propia á Executiva nin proposta para a portavocía nacional do BNG.

Posición inicial a respecto da Executiva Nacional do BNG

De entrada, e como posición inicial a manter, defendíamos a necesidade de que da Asemblea nacional saíse unha Executiva plural, consensuada e que reflectise o apoio obtido por cada unha das catro candidaturas presentadas, abundando na idea de pular pola unidade, tal como víñamos mantendo desde a redacción do Manifesto Máis Alá! Nesa Executiva, e desde unha vontade de rectificación da liña política do BNG, o MGS debía estar representado; esa representación, de se producir, recaería no compañeiro Rafa Villar, que encabezaba a candidatura Máis Alá!, que promovíamos xuntamente con Isca! No noso caso para estar lexitimados para ter representación tiñamos que acadar un mínimo de dous postos no Consello Nacional, para que na proporción dese organismo nos correspondera un representante na Executiva.

Desde a nosa posición, eminentemente crítica coa liña política do BNG nos últimos anos, entendemos que as dúas forzas maioritarias de cara a esta asemblea eran as mesmas que, conxuntamente, mantiveron esa liña que consideramos errónea e responsábel da situación actual. Porén, tampouco deixamos de valorar que neste momento as posicións defendidas publicamente por uns e por outros non son as mesmas. De non darse unha candidatura unitaria -que defendemos desde o principio mais que non dependía principalmente de nós- teríamos que escoller entre apoiar, mesmo criticamente, a unhas destas candidaturas ou optar pola abstención.

Como éramos conscientes de que era moi posíbel que se dera finalmente non unha única candidatura á Executiva, senón dúas (unha promovida pola APU e outra por +BNG), debatemos a situación que se crearía e concluímos que nós, como MGS, nin por acción nin por omisión poderíamos favorecer que triunfase a lista de +BNG e a candidatura de Aymerich á portavocía nacional, xa que a posición político-ideolóxica que viñan mantendo, así como o modelo de organización que postulaban, estaban lonxe dos nosos propios postulados e de como nós entendíamos que debería camiñar o BNG no futuro.

Con eses razoamentos, concluímos que, se se conformaba unha candidatura á Executiva a tres bandas -APU, Encontro Irmandiño, MGS-, que promovese cambios no sentido defendido por nós, de máis nacionalismo e máis esquerda, nós tíñamos a responsabilidade de apoiala e de participar nela, fronte á de +BNG e Aymerich. En todo caso, prevendo que se puidese dar algún outro escenario cambiante, e co fin de xestionar directamente a nosa participación na Asemblea nacional, acordamos que a Xestora Nacional do MGS se reuniría no transcurso da propia Asemblea, co fin de tomar, coa axilidade e responsabilidade precisas, as decisións que cumprise adoptar in situ.

Reunión do Consello Nacional e posicións mantidas

Feita a votación á representación no Consello Nacional e dados os resultados, que nos situaban con 2 representantes fronte aos 23 da APU, os 18 de +BNG e os 7 do Encontro Irmandiño, fomos á xuntanza do novo Consello Nacional (previa á decisión sobre a Executiva), co ánimo de defendermos unha Executiva de integración das catro candidaturas.

O primeiro en intervir foi Guillerme Vázquez, da APU, avogando por un acordo de todos e unha candidatura única. A seguir, Carlos Aymerich, de +BNG, dixo que só dúas das listas acadaban a porcentaxe suficiente (o 30%) para presentar candidatura á Executiva, e nese sentido anunciaba a presentación de lista propia. Beiras, no nome do Encontro Irmandiño, defendeu unha única candidatura plural, e de non ser así, que se obviase a porcentaxe do 30% e se lle permitise presentar candidatura propia á Executiva. Nós, pola nosa parte, defendemos unha Executiva integradora, que incorporase con xenerosidade e responsabilidades, as catro sensibilidades alí presentes.

Con anterioridade, a APU sondeara -por separado- co Encontro Irmandiño e connosco a opción dunha candidatura das tres sensibilidades, fronte á máis que segura proposta en solitario de +BNG. Nesa tesitura, o Encontro decide absterse do proceso de conformación da Executiva, optando por non participar en ningunha candidatura. Pola nosa parte, por sentido da responsabilidade e en coherencia co que viñamos defendendo, optamos nese momento por participar da lista da APU encabezada por Guillerme Vázquez, mantendo identidade propia como MGS.

A seguir, prodúcese na reunión do Consello Nacional unha segunda quenda de intervencións. Guillerme Vázquez, pola APU, pide un último esforzo de integración a Aymerich. Este mantén presentar lista propia, coa súa candidatura á portavocía. Beiras anuncia a exclusión do Encontro da Executiva, criticando a postura de +BNG; pide explicar expresamente a súa posición no plenario. Nós reiteramos a noso posicionamento dunha candidatura unitaria, alertando do erro de escenificar unha fractura interna e un BNG bipolar. Por último, aclaramos que nese contexto decidimos tomar partido e apoiar, integrándonos na candidatura encabezada por Guillerme Vázquez. Ao igual que Beiras, solicitamos unha intervención no plenario para dar traslado da nosa postura.

A nosa posición final de participar da Executiva vén determinada polo convencemento de que ao achegar os nosos votos á candidatura que con vocación integradora defendeu a APU, neste momento, era necesario (conscientes tamén das súas complicacións) facermos parte do organismo para poder incidir e fiscalizar a liña política do BNG, sobre todo tendo en conta o xa comentado das responsabilidades compartidas da UPG e +BNG na situación actual da organización.

Beiras e o MGS ante o plenario

Na súa intervención final perante a Asemblea, Beiras critica con dureza a +BNG por impedir unha candidatura única de consenso, que integrase o conxunto de sensibilidades que obtiveran representación no Consello Nacional. Con todo, non deixa de ser chocante que despois da asemblea o web do Encontro recolla unha avaliación do acontecido que non concorda exactamente co expresado polo seu líder na propia asemblea.

No que toca a nós, o compañeiro Rafa Villar intervén no plenario puntualizando que só unha das catro candidaturas, a encabezada por Aymerich, impediu o acordo e anunciou a participación do MGS na candidatura da APU á Executiva, aclarando que esa participación pretende ser a garantía dun xiro real do BNG a posicións soberanistas e de esquerda transformadora.

O MGS na Executiva do BNG

Producida a votación para a Executiva, o resultado final é que a candidatura da APU, participada tamén polo MGS, obtén 8 postos (un 55% do total) e a de +BNG 7, polo que Guillerme Vázquez fica como portavoz nacional. Na Executiva entre, en representación do MGS, o compañeiro Rafa, que ía de número 7 na lista da APU.

Esa votación resulta ilustrativa en canto a que se observa un corremento do voto que apoiara ao Encontro Irmandiño na votación ao Consello Nacional e que acaba por ser un apoio á candidatura de Aymerich e +BNG á Executiva. Pola súa parte, os votos do MGS son todos votos de apoio á lista para a Executiva promovida pola APU.

Como MGS non podemos avaliar como positivo que unha opción que obtivo case o 15% de apoios para o Consello Nacional fique fóra da Executiva, sobre todo neste momento tan importante para o futuro do BNG. En todo caso respectamos a decisión tomada por estes compañeiros e compañeiras.

Avaliación final

Entendemos que esta asemblea, tanto polo modelo e pola estrutura (ao ser un só día), non permitiu que se dera, nin sequera nas comarcas, un debate a fondo. Defendemos en todo momento que a asemblea debía servir máis para un debate de ideas que para escoller a portavocía nacional. En todo caso cremos que serviu para focalizar as principais deferenzas de liña e fican agora moitos meses por diante, até a vindeira asemblea ordinaria, para ir pechando os debates que ficaron abertos o 10 de maio.

Neste sentido, como valoración final, o MGS entende que os obxectivos marcados para esta Asemblea nacional do BNG foron obxectivos que se viron en boa medida cumpridos, aínda que non na previsión exacta do proceso que se fixera con anterioridade. Porén, avalía que no BNG hai un novo escenario, que xa se verá o que vai dar de si, máis favorábel a manter posicionamentos máis nacionalistas e de esquerdas.

Nese sentido, a nosa participación e actuación futura na Executiva do BNG, malia as dificultades que suscita un organismo coa distribución 7 (APU), 7 (+BNG) e 1 (nós), debe ter o sentido de posibilitar un cambio de rumbo real na organización, rectificando a liña política e certos métodos de traballo (partindo da premisa da participación da base militante), de cara a acentuar o perfil soberanista do BNG desde postulados da esquerda transformadora. Eis o compromiso, adquirido ante a militancia do BNG, do Movemento Galego ao Socialismo (MGS).

Galiza, 17 de maio de 2009