Hai uns dias a Xunta de Galiza anunciaba a decisión de construir unha nova planta incineradora de residuos equivalente á da “Sociedade Galega de Medioambiente” (SOGAMA, de propiedade 51% Xunta de Galiza e 49% Gas Natural-Unión Fenosa) no sur de Galiza. Esta nova planta incide pois na aposta de sempre do PP pola incineración dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU) aplicada xa na planta de Cerceda.

Esta nova planta enmárcase no plano de xestión de residuos urbanos (PXRU 2010-2020) aprobado pola Xunta neste ano (1). Este plano, que ven substituír o anterior aprobado no 2007 da Consellaría de Medio Ambiente do PSOE, que non se chegara a executar, resulta moito peor do que o anterior, xa de por si insuficiente. Nada deste plano é salvábel, e serve para perpetuar un statu quo antiecolóxico, despilfarrador e contaminante. Os obxectivos de redución, reciclaxe e compostaxe son absolutamente insuficientes: por exemplo, a redución do 10% na xeración en 10 anos investindo máis de 50 millons de euros, cando a crise por si soa está a baixalos a ese ritmo, ou unha recollida de papel e cartón proxectada para 2020 inferior ao que marca a Directiva europea xa para 2008 (50% frente ao 60%), e onde a aposta pola incineración leva a maior parte dos investimentos: 60% do investimento en infraestruturas e o 48% do orzamento total. Este novo Plano ten sido criticado por todo o ambientalismo galego, presentando alegacións a Federación Ecoloxista Galega (2), que agrupa a maior parte do ambientalismo, ademais das alegacións particulares de ADEGA (3) ou a Sociedade Galega de Historia Natural (4)

Frente a toda a propaganda que difunde e difundirá a Xunta sobre as bondades da duplicación do modelo Sogama, a realidade é que:

O modelo Sogama non recicla: só o 1,7% dos aproximadamente un millón de toneladas de residuos que chegan á planta son reciclados, para un total de reciclaxe do sistema do 8%, onde o 6,3% restante son papel-cartón/vidro que se recicla nos contentores e que non entran en Sogama: case todo o esforzo resulta estar feito pois polos cidadáns.

O modelo Sogama non xera enerxía: a Xunta escúdase na presentación de Sogama como “valorización enerxética”, é dicir, “producimos enerxía e ainda lle sacamos algo ao lixo”, parece dicir. Mas nen se tira enerxía dela nen pode clasificarse como valorización: a planta gasta máis enerxía (507.914Mw) da que xera coa incineración (459.867 Mw), ao precisar consumir gas natural para secar a auga contida nos residuos. A planta non cumpre así os criterios marcados pola lexislación europea para consideralo valorización, que marca un rendimento enerxético mínimo do 0,6; sendo neste caso mesmo negativo.

O modelo Sogama contamina: alén de non reciclar nen xerar enerxía, o que si fai o modelo Sogama é contaminar: a incineración produce cinzas que son clasificadas como residuos perigosos, xerando unhas 50.000 t anuais.

Todos estes datos poden compararse coas plantas de Lousame no Barbanza e mesmo a de Nostián, os outros dous modelos de xestión de RSU existentes no país, e moito máis eficientes: na fracción orgánica hoxe Nostián e Barbanza recollen en Recollida Selectiva Bruta do 60-69% e Recollida Selectiva Neta do 43-45% frente ao obxectivo do 25% de Sogama, no vidro o obxectivo de Sogama é do 60% de recuperación, inferior á Directiva europea para 2008 e que o Barbanza xa supera a día de hoxe (66,9% RSN vidro), etc…

Estamos entón diante dun sistema ecoloxicamente insustentábel e economicamente ruinoso do que se tentou desfacer Unión Fenosa, e que só se mantén mediante o cobro das tarifas aos concellos. A nova planta é ainda capaz de non só de duplicar o despropóstito do modelo de xestión dos RSU, senon de o empiorar: a nova planta será propiedade privada da empresa “Estela Eólica”, que en compensación pola adxudicación de megawatios eólicos comprometeuse en negociacións coa Xunta a erguer esta planta, nun procedimento fechado á concorrencia e dubidosamente legal: a “compensación” pola explotación enerxética do noso país será pois unha nova e poluente incineradora, nun acordo que dificilmente será rentábel, e polo tanto posíbel, ao depender dunha empresa privada (5). E alén de privatizar a xestión do lixo, ademais o goberno Feijóo pretende inaugurar un novo “mercado do lixo”, onde as dúas incineradoras competirían para xestionar os RSU dos concellos, podendo estes elexir a planta á que os enviarían.

As brillantes consecuencias de non cambiar de modelo de xestión de RSU serán pois a duplicación do modelo e polo tanto a duplicación do tamaño do problema, desde o comezo da cadea até o seu fin: nula capacidade de redución na produción de RSU, desincentivación cidadá xa que SOGAMA nada recicla, continuación dun transporte de residuos caro e antiecolóxico, practicamente nula reciclaxe en planta e aterramentos no seu vertedoiro (co seu gasto asociado, como os 10 millóns de euros no perigoso vertedoiro de Areosa asociado á planta de Cerceda), e finalmente máis contaminación atmosférica; tendo que engadir ademais a privatización asociada á nova planta.

Frente a este panorama, urxe activar a resposta social: hai que superar o rexeitamento chamado ”NIMBY” (“Not in my back yard”, é dicir, “non no meu patio traseiro”) de efectos exclusivamente sobre a veciñanza e que leva a discusións estériles sobre emprazamentos da mesma xestión negativa, para trascendelo e focalo como o que é: un problema nacional que requere solucións nacionais, convertendo a oposición á planta tanto nos veciños como no resto do país en consciencia ambiental sobre os problemas deste modelo e as solucións que precisa, moitas de elas xa deseñadas polo ambientalismo galego e que só requeren de vontade política para seren efectivizadas. Debemos pois apostar noutros modelos, xeralmente en cadros de actuación comarcal, e así o debe facer o nacionalismo en aqueles lugares onde acceda ás institucións: as consecuencias non serán máis que positivas: xerarase máis emprego e teremos un sistema de xestión de RSU que será máis ecolóxico e sustentábel: máis redución, máis reciclaxe, menos custos de transporte, menos contaminación atmosférica… e todo iso garantindo o seu carácter público.


(1) http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/cache/offonce/lang/gl/pid/2854;jsessionid=8A5A9221D990A847B11E5447819AC138.vmprd03

(2) http://ebookbrowse.com/alegacions-feg-plano-residuos-2010-20-pdf-d146624117

(3) http://adega.info/info/090121joomla/files/residuos/Alegacions_definitivas_ADEGA_PXRUG_2010-2020.pdf

(4) http://www.sghn.org/Actuacions_Xeral/Residuos/PXRSU_2010-20.html

(5) http://adega.info/info/090121joomla/ultimas-novas/655-sogama-ii-facendo-politica-ficcion-coa-xestion-do-lixo