O chamamento da mobilización debe partir do recoñecemento da estrutura de clases da Galiza de 2016, e polo tanto dirixirse ás clases populares galegas, moi en particular á clase traballadora, e farase énfase na ligazaón entre a loita nacional e a social, e entre a mobilización e as conquistas populares.

1. INTRODUCIÓN

O Día da Patria Galega ten que mobilizar o maior número de persoas en favor das posicións estratéxicas da autodeterminación, a soberanía e a transformación social; para proxectar externa e socialmente a mensaxe principal do soberanismo nesta fase política; e tamén para aproximarse mutuamente ­dentro da coherencia co anterior­ entre as organizacións e persoas sen adscrición organizativa que se identifican no substancial con estas premisas; en definitiva, para construír avanzos na formación de conciencia.

Neste contexto e tal como entendemos que debe artellarse a celebración dunha data de tanta referencia para o soberanismo, sería unha irresponsabilidade reducir a data do 25 de xullo a unha mera demostración de forza dunha estrutura política concreta. Tampouco parece adecuado deixarse levar polas presións dun ano electoral e focalizar a convocatoria neste sentido e poñer de manifesto o excesivo peso do institucionalismo e a dinámica electoral; na práctica, sería unha absorción das enerxías militantes do conxunto do nacionalismo, que atinxen moitos campos e métodos de actuación (social, sindical, cultural, feminista, xuvenil…) en favor da conxuntura e perdendo a oportunidade de saír do calendario escrito deste ano.

Por outra parte, tampouco podemos considerar pertinente unha convocatoria semellante ao do ano anterior, cun discurso desnaturalizado, desideoloxizado e vagamente galeguista, e que eclipsou o papel das organizacións, con certa sombra de sospeita sobre a lexitimidade da poboación soberanista para se organizar de forma permanente en estruturas estábeis.

Neste contexto, do MGS defende un 25 de xullo que non sexa músculo, mitin nin desfile cidadán, senón unidade e loita. Entendemos agrupada no significante “loita” unha serie de reivindicacións mínimas en torno da autodeterminación, o anti­imperialismo e a xustiza social. Neste sentido, desmarcámonos sen complexos de quen que quer unidade mais rexeita a loita ­e pon como condición a desideoloxización que obrigue ao conxunto da mobilización a aceptar a posición politica máis conservadora, mesmo que esta sexa claramente minoritaria­ e tamén dos que reclaman a loita máis descartan a unidade, en nome da confusión entre as imprescindíbeis fortaleza dos principios e confianza nas propias forzas co replegamento interno na identidade e traxectoria da organización propia, co enaltecemento defensivo da estima propia pola existencia da propia organización. Por último, tampouco compartiríamos que ningún sector político utilice a unidade de xeito instrumental, como elemento retórico que permite presentarse ante as bases propias como o seu defensor e a outras partes como obstáculos, como adoita acontecer en torno aos emprazamentos feitos públicos mediaticamente, sen diálogo previo nin confianza e lealdade coas organizacións coas que se pretende convocar.

2. PROPOSTA POLÍTICA

O MGS propón para este Día da Patria a constitución dunha plataforma política e social limitada a convocar e organizar a mobilización, consensuar unhas consignas de mobilización, coordinar a propaganda e consensuar o discurso inicial e final.

Esta plataforma está aberta á participación de todas as entidades políticas e sociais que asuman o formato, recoñezan o papel das organizacións e asuman uns mínimos discursivos.

É evidente que non se pode pretender constituír unha iniciativa conxunta cun modelo completamente pechado, senón que o deseño final debe xurdir como conclusión do debate e acordo entre as organizacións convocantes. Non obstante, si é lexítimo apontar algúns pontos que consideramos de inclusión mínima do noso ponto de partida:

A. A defensa da necesidade da autoorganización e do dereito de autodeterminación, exercido de forma exclusiva e unilateral polo pobo galego como único suxeito lexítimo, culminado nun Estado propio.

B. O consecuente rexeitamento da dependencia e colonización do Estado Español.

C. A denuncia explícita dos principais problemas que atinxen ao noso pobo: a intensidade da explotación laboral e o desemprego, a precariedade, a emigración, o deterioro dos servizos públicos, os ataques contra a identidade nacional, a lingua e a cultura, as distintas medidas agresivas aprobadas por Madrid nos últimos anos (LOMCE, Lei Mordaza, Reformas Laborais, pactos de estabilidade e crecemento, rescate da banca, fiscalidade, etc…).

D. O chamamento da mobilización debe partir do recoñecemento da estrutura de clases da Galiza de 2016, e polo tanto dirixirse ás clases populares galegas, moi en particular á clase traballadora, e farase énfase na ligazaón entre a loita nacional e a social, e entre a mobilización e as conquistas populares, de xeito deslindado da lóxica e dinámica meramente electoral. Tamén ten que incorporar un discurso feminista e antipatriarcal avanzado e congruente coas demandas actuais do movemento.

E. A simboloxía e consignas serán elevadas e identificadas claramente coa liberación nacional.

F. Todas as organizacións convocantes teñen que asumir un compromiso claro coa mobilización, cun posicionamento explícito das súas direccións. Non é aceitábel adherir para contentar a determinados sectores internos e non implicarse para non incomodar a outros.

G. O rexeitamento explícito do imperialismo como fase actual do capitalismo, con énfase particular en manifestacións como a ofensiva do capital en todos os campos (privatizacións, austeridade, TTIP), a vixencia das distintas estruturas imperialistas (UE e OTAN en particular) e o recurso á guerra e á violencia de Estado como instrumento permanente.

H. A afirmación de internacionalismo e solidariedade con todos os pobos que loitan pola súa liberdade do imperialismo.

I. O manifesto convocante, a intervención final e os seus protagonistas serán consensuados entre as organizacións convocantes.