Acaban de cruzar a liña vermella. A liña que ninguén se atrevera a cruzar até hoxe. Nos últimos 30 anos, as diversas reformas que se nos foron impondo desde Madrid tiveron a capacidade de aprofundar nun espolio continuo, con ritmo maior ou menor segundo a circunstancia, pero imparábel, en calquera caso. Esta reforma, en troca, non só avanza sobre as demais: o salto adiante non é só unha apropiación de metros a favor de quen ordena e manda: é un salto cualitativo, temerario, do que nada de bon pode sair. Porque, que cousa boa vai sair dun argumentario de despropósitos como o que hoxe nos apresentaron? O que temos acima da mesa é unha reforma inútil e idiota, isto é, carente de ideas – de ideas novas, enténdase, porque das ideas vellas, das que os ultraliberais fabrican e envenenan nos seus think tanks de luxo, desas si que hai. Talvez non estexan todas, pero si moitas: as principais.

O obxectivo –non mintan— é eliminar o proletariado e convertelo en “precariado”, con carácter xeral. Nin os contratos antigos se salvan, porque por primeira vez aparece a retroactividade da lei para as condicións, por exemplo, do despedimento. De modo que ninguén fica á maxe. Para iso son os contratos de proba de un ano, con despedimento gratuito (claro), que multiplicarán a temporalidade e que, despois de pasarmos por diversos postos e de estarmos sempre suxeitos ao recambio constante despois dun ano, o único que producirán será unha paralisante sensación de inutilidade e de fracaso persoal. Para iso son tamén os contratos de formación e aprendizaxe, que se converten no argumento preferido para dominar até á idade de 30 anos e con independencia dos da experiencia, a xeración máis formada e preparada da nosa historia. Para iso, para que creza sen fin o “precariado”, é tamén a queda xeneralizada dos salarios que se vai producir cando, despois de caducaren os convenios colectivos nas empresas, quen traballamos nos vexamos abocados directamente a convenios de pior nível, a convenios estatais ou, no seu defecto, ao Estatuto dos Traballadores e aos seus 641,40€ de salario miserábel. E para iso é tamén o fin da ultraactividade dos convenios, que permitía conservalos até que se negociase un novo. Que vai pasar cando a empresa non queira sentar a negociar, sabendo que desa maneira se poderá acoller a condicións inferiores para o seu persoal e, portanto, máis beneficiosas para ela? Pasará que terá as portas abertas e unha man amiga no governo.

E se a empresa quixer ir por esa vía antes do fin da vixencia do convenio? Tranquilidade: sempre poderá descolgarse del, dos sucesivos convenios, cada vez mais precarios, apenas aducindo previsión de perdas. Ou poderán tamén beneficiarse da desregulación dos horarios, ou contratar persoal a tempo parcial que despois realice xornadas superiores a libre disposición da empresa – porque, si, desde agora, esa fraude será legal. Ou, se cadra, quererá desfacerse de nós através dos novos e flamantes EREs, que provabelmente coñezan en breve unha nova época dourada onde o único limite estará na indemnización que a empresa estexa disposta a pagar. Total, control por parte das autoridades públicas en materia laboral non vai haber, que para iso a lei se encarga de saltalas ou arredalas de golpe, fora do xogo. E, por outra parte, a indemnización será de xoguete, testemuñal, porque por primeira vez se atacan os 45 días para despidos improcedentes (será que algún deses señores se parou a pensar que significa o de “improcedente”?), e se toman como referencia xeral do despedimento os 20 días.

E que poderemos facer para evitarmos isto? Negociarmos un novo convenio será case imposíbel, porque a priorización do convenio de empresa sobre todos os demais deixará un novo tipo de vítima, mais especializado e mais desamparado: aquel cuxa falta é traballar nunha pequena empresa, onde a acción sindical sexa case pura fición. Resulta que, na Galiza, 90% das empresa teñen menos de 10 persoas a traballar. Que presión sindical se pode facer neses casos? Que forza — se aquí non se dividirá a clase traballadora, senón que directamente se atomizará?

Enfin: o referido até aquí son apenas exemplos das novidades. Pero a iso temos xa que sumar o que, desde antes, padecemos cun PSOE rendido perante os lexisladores internacionais que son os grandes capitais. Non hai medidas improvisadas, o que hai é un plano ben pensado e perfeitamente executado para eliminar sistematicamente o dereito laboral e para extirpar con facilidade quen se opoña. Para contentar as empresas – as grandes, nomeadamente – o empobrecimento xeral e a exclusión social son imprescindíbeis. Por que? Porque a necesidade fundamental da empresa privada, que agora se converte na base reguladora para todo, é concentrar capital constantemente e cada vez a maior velocidade. Pode parecer que todas e todos perdemos. Pero non é así. Hai quen gañe. Hai elites e classes poderosas que gañan, e gañan moito.

De modo que ninguén pretenda facernos crer que esta aldraxe procura mellorar o acceso ao emprego. O que procura é aumentar os réditos da explotación laboral. Non é, portanto, calquera plano para sairmos da crise. Porque crise non é que 2/3 da poboación mundial vivan por baixo do umbral de pobreza, nen que no primeiro mundo o índice de desamparados e parias se estexa a disparar como nunca antes. É un plano para que quen se aproveita da situación poda aproveitarse mellor. Que ninguén nos diga, portanto, que a situación era irremediábel e que hai que facer esforzos. Porque o cada vez se ve mellor desde aquí é unha loita de clases, unha loita entre os intereses de acumulación irracional do 1% da poboación e os intereses de vida digna do restante 99%. E nesa loita, a nosa arma máis poderosa é a folga. A folga xeral!